Retrato da movida viguesa dende diferentes ámbitos creativos

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

Xulio Correa

Fernando Fernández presenta un libro sobre os anos oitenta

30 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O investigador da música galega Fernando Fernández Rego presenta hoxe, ás 20.00 horas na Sala Kominsky de Vigo, o seu novo libro Anos 80. Movida, Atlantismo, Vangardismo, Underground (Galaxia). O autor estará acompañado polo músico Teo Cardalda, polo editor do fanzine Tintimán, Javier Moreda, e por María Pereira, directora de Merlín Comunicación.

«Aínda que a música é o fío condutor, o libro reflicte todo o ámbito contracultural dos anos 80, incluíndo a plástica do movemento Atlántica, o desenrolo dos fanzines como vehículo de todas esas novas formas de expresión, a poética ou o entón incipiente audiovisual», explica Fernando Fernández Rego, que aínda que sinala que o escenario principal situouse en Vigo, houbo conexións importantes con outras cidades galegas.

Influencia punk

Nos diversos capítulos do seu libro, o autor retrata o ambiente daquela sociedade saída dunha ditadura e moldeada por as influencias procedentes do mundo anglosaxón, como foi o movemento punk. «Todo iso ten como foco principal Vigo, pero tamén é certo que houbo unha gran conexión entre os grupos porque moitos músicos estiveron en varios grupos ao mesmo tempo, ou pasaron duns a outros», sinala, ao tempo que recorda que grupos como Golpes Bajos, Siniestro Total, Aerolíneas Federales, Semen Up ou Os Resentidos acadaron o recoñecemento a nivel global.

Para afrontar o seu traballo, Francisco Fernández Rego fixo máis de duascentas entrevistas con protagonistas que dan lugar a numerosas citas textuais que enriquecen a narración. Con todo elo, a súa proposta formula unha análise profundo sobre que foi a Movida e como foi tratada co paso do tempo. Neste sentido, sabe Fernández Rego que a Movida foi mitificada por moita xente, pero que tamén lle vale para afirmar que foi «o fenómeno cultural e musical máis importante do todos estes anos».

Inclúe tamén a visión dos detractores, xente que diminuíu a intensidade do impacto daquel movemento ou incluso de quen viu o interese do Estado por favorecer estas manifestacións, como é o caso de Ángel Higueras. «No libro hai unha reflexión, aínda que sen tomar partido, pero si recollo diferentes perspectivas de persoas que tomaron parte activa de todo aquelo», explica o autor do traballo.

Fernando Fernández Rego é quen de dicir que aquela época, xunto coa actual, son os momentos máis brillantes da música galega, deixando a parte o folk. «Foi un momento no que a cultura foi accesible para todo o mundo e as cancións chegaron a todos os públicos e marcaron a vida de moitísima xente», afirma o autor.

O libro tamén ten unha certa pretensión de mostrar ás xeracións actuais unha época para reivindicala e poñela en valor. «Eu, que son profesor de instituto, vexo que a xente máis nova de agora, salvo que os seus pais lles falaran algo, non saben nada daquelo», conclúe. Pasaron xa corenta anos dos inicios do que se deu en chamar A Movida, tempo dabondo para afrontar o seu estudo sen os prexuízos de quen fixo dela un eixo das súas vidas.