Txichón non entende a súa existencia sen un deporte no que as cousas lle foron chegando sen agardalas
07 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Abel Marcos Soares Conde (Vigo, 1980), coñecido por todos polo alcume de Txichón, considérase un home con sorte. «Fóronme chegando as cousas no mundo do baloncesto non digo sen merecelo, pero si sen agardalo», sinala o que hoxe é un dos adestradores do Club Baloncesto Nigrán, pero que ten unha ampla traxectoria durante a que traballou con importantes nomes desta disciplina en Galicia dos que aprendeu e aos que proclama a súa admiración.
A súa historia co deporte da canastra comeza antes, de neno. Pero dista do típico perfil de rapaz que empeza a xogar e acaba sendo adestrador. «Estudei en Salesianos, un cole con moitísima tradición de baloncesto, pero xogar igual xoguei dous partidos», conta. O seu ía ser orientarse ao banco e á análise. Os inicios remóntanse a cando o cura encargado deste deporte no colexio, que era o seu titor, marchou, e a sección comezou a «desaparecer un pouco». Foi dquela, no ano 1997, cando Txichón comezou a dar os seus primeiros pasos como adestrador.
Despois viñeron o Helios Zorka e algún equipo feminino que apareceu naqueles anos e do que foi segundo adestrador. «Veño do ámbito o tempo libre e tampouco é que me gustase tanto o baloncesto», revela. De feito, quería orientarse á educación e formouse como mestre, aínda que logo non acabou de convencerlle ese camiño e, aínda que agora compaxina con outro empleo, foi profesional do baloncesto moitos anos.
Unha etapa importante da súa traxectoria viviuna no Rosalía compostelán, ao que chegou no ano 2005 xunto a César Iglesias, hoxe técnico do Amfiv e «referente absoluto» para el. «Empecei con temas de scouting e estudo dos rivais na distancia e despois formei parte do staff», detalla. Ambos marcharon a Santiago coincidindo co ascenso a LEB Ouro, actual Primeira FEB. Estivo alí quince anos, compatibilizando coas categorías inferiores e con colexios como Pío XII, Compañía de María ou La Salle en anos que lembra con agarimo, tempadas «moi boas a nivel deportivo».
Conta orgulloso que foi segundo de Cholas, viu adestrar de preto a Miguel Méndez pouco antes de que este tomase as rendas do Celta e foi axudante de Ángeles Liboreiro na selección galega. Aínda que ten gozado de todas as facetas, subliña que lle gusta de xeito especial a parte de vídeo. «Aprendo un montón e como non fun xogador, custoume entender ben o xogo. Gustábame ser segundo porque permite ser útil e aprender un montón, tamén a base de botarlle moitas horas», indica.
A Txichón, aínda que ten adestrado a xogadores de idades variadas, gústalle rodearse de xente nova. «O ano que máis envellecín foi durante o covid —único parón na súa carreira—, cando non puiden adestrar. Cando pasas o día con mozos, sénteste máis novo, tes esa enerxía deles que se contaxia durante máis tempo», sostén. Aínda que traballou moitos anos con equipos sénior, lembra que en moitas ocasións, os máis vellos andaban polos vinte anos.
A súa maneira de entender o rol de adestrador pasa, en boa medida, por tratar de ser «un máis do grupo». «Marco límites, pero acostumo a marcalos de acordo co meu equipo», buscando así que os adestramentos sexan doados de levar e todo resulte mellor. «A idea é que fagamos o máximo posible para gañar, consigámolo logo ou non. Que traballemos moito, pero traballemos contentos». Avoga por «mimar a convivencia e facer comunidade» como mellor receita para traballar «máis e mellor».
Argumenta Abel Soares desde a experiencia que «do baloncesto, no 95 % dos casos, o que queda é a xente, os amigos», moito máis alá dos resultados deportivos que se poidan chegar a acadar. Presume de manter contacto con xente deste deporte coa que coincidiu hai máis de dúas décadas. «Xerar ese sentimento de pertenza e que te vexas vinculado é superimportante para min», engade.
O baloncesto significa para el, mesmo aínda que de neno non chegase a entusiasmalo, «media vida». «Teño 44 e levo adestrando desde o 16, xa non podería concibir a vida sen el», e iso que lembra que chegou case por casualidade. «Nunca pensei gañar cartos con isto. Deume experiencias, amigos... Custaríame entender a vida sen el», confesa. Isto non significa que todo sexa positivo. «Cando a túa paixón é o teu traballo, é moi absorbente. Hai amigos aos que ves pouco, é complicado coincidir comigo», admite.
En Nigrán, cando desapareceu o club anterior e quedou en mans do Concello, Soares sacou unha praza de técnico municipal e tivo alí o seu primeiro contacto co pobo. Retornou para traballar no club actual desde a tempada 2021/2022. «Tiña moito mono da semana, porque dirixir sempre me gustou menos», comenta. E atopou o que buscaba. «Estou moi ben, moi a gusto. É un club familiar, con moi boa xente, rapaces encantadores», describe. Coa loxística, no pavillón, que «non acompaña», como único problema, destaca que é unha entidade «onde saben o que queren, cunha liña competitiva clara e unha vertente social moi potente».