Pedro Rodríguez, escritor: «Presento unha sociedade que crea un mercado de felicidade e tristeza»
VIGO
O autor nigranés publica en Edicións Xerais a novela «Alén da néboa», premiada recentemente no certame Xuventude Crea
13 sep 2024 . Actualizado a las 00:30 h.Pedro Rodríguez Villar, de 27 anos, xornalista, dramaturgo e, en xeral, escritor, xa ten no seu currículo varios premios literarios. O último foi o Xuventude Crea pola novela Alén da néboa, que ven de publicar Edicións Xerais na colección Redes.
—Que quería contar neste libro?
—Parte dunha reflexión ao redor do que é unha depresión e como afrontar a tristeza. A partir diso eu pregunteime se estariamos dispostos a desfacernos desa tristeza dándoa a outra persoa a cambio da súa felicidade. Creo aí unha distopía. O personaxe leva moito tempo cunha depresión, que tamén arruinou aos seus pais, e ofrécenlle a oportunidade de curarse, pero a cambio da felicidade dunha persoa que non coñece. Aí está o dilema. Presento unha sociedade que crea un sistema de mercado de felicidade e tristeza. Sírveme para reflexionar sobre como a sociedade trata a saúde mental. O seu propio tratamento da saúde mental é algo moi inxusto porque se apoia en ter ou non recursos económicos persoais.
—Hai moita crítica social?
—As distopías reflicten crítica social porque amosan algo que non queremos vivir, pero que estamos vivindo. A súa vez, este libro, a pesar de falar diso, tamén é un camiño contrario, de aceptar a tristeza como algo que está aí e tamén como algo que nos pode facer brillar.
—Nese problema tamén emerxe o suicidio?
—Si, é un tema que me achego a el de dúas maneiras. Está o protagonista, que se non lle funciona esta saída está disposto a rematar coa súa vida. E logo tamén, as persoas que doan a felicidade e logo son animadas a suicidarse. Aí o toco dende as distintas narrativas porque é algo que pode pasarlle a calquera que non teña a sorte de ter unha rede de apoio.
—Aporta o seu punto de vista moral na novela?
—Os escritores non debemos facelo. Temos que falar e escribir do que sentimos e vemos. A min, este é un tema que me interesa moito porque toca moi de preto e que eu reflexiono dende a miña perspectiva e a miña experiencia. Ogallá alguén poda sentirse identificado. O que está claro é que temos un problema.
—É un libro que pode comprenderse en distintas idades?
—Si, porque cando todos empezamos a explorar as nosas emocións e afrontar os retos da vida todos vivimos situacións parecidas. Tamén é a metáfora do título. A néboa tapa o que somos e o que hai máis alá, e no caso da mocidade, a néboa é a expectativa que nos facemos cando somos rapaces, pero logo, cando a atravesamos, dámonos conta de que a vida é outra cousa.
—Dende un punto de vista formal, escribe a novela en tempo presente.
—Si, escribo en tempo presente e gústame explorar con distintos narradores. A obra está escrita con dous protagonistas, que van alternando os capítulos, e logo entrelázanse, pero tamén fago capítulos para outros personaxes. A min paréceme interesante contar unha historia con múltiples narradores porque a vida real é así.
—Como fai un escritor para desdoblarse en personalidades distintas?
—Creo que dentro de nós hai moitas personalidades. Eu si que me recoñezo cunha personalidade clara, pero si que, en determinadas ocasións, vivo emocións ás que non estou acostumado. Para construir eses personaxes baséome moito nas emocións. A escritura está marcada polas emocións; os propios nomes da miña novela queren dicir alegría en distintos idiomas.
—Cando naceu o escritor Pedro Rodríguez Villar?
—Na miña casa, sendo un neno. Eu penso que todo o mundo pode escribir porque todos temos cousas que contar. Eu tiven a sorte de dar cunha familia na que as historias son moi importantes. Nese proceso, cheguei a conclusión de que para a miña felicidade preciso fuxir do mundo actual e fágoo imaxinando. De imaxinar a escribir non vai nada; aí axudoume moito o teatro.
—A súa querencia ao teatro reflíctese na súa narrativa?
—Eu distingo moito cando escribo poesía, teatro, cine ou narrativa. Débolle case todo ao teatro porque nese mundo aprendín a perder a timidez, a expresarme, e a botarme a andar. Creo que foi un punto de inflexión cando escribín a miña primeira obra. O que escribía non me atrevía a ensinarllo a ninguén porque era unha escritura catártica. Pero cando representamos ante público a miña primeira obra, e vin que os espectadores emocionáronse, animoume a seguir escribindo. Pero, a narrativa é o lugar máis libre porque podo imaxinar e contar o que queira. Por iso non me fai falta moito o diálogo porque eu creo que escribo moi en imaxes e non preciso dos diálogos. En cambio o teatro constrúese sobre diálogos; é menos libre porque teño que contar onde se vai facer, dos recursos que teñamos, etc.