O cangués Rafael Fernández Lorenzo gañou o Premio Raíña Lupa coa novela «As pedras verdes»
29 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Rafael Fernández Lorenzo (Cangas, 1962) obtivo o premio de literatura infantil e xuvenil Raíña Lupa, que convoca a Deputación da Coruña, coa novela As pedras verdes. Narra unha historia enmarcada na conquista de América con referencias mitolóxicas ás mulleres guerreiras do Amazonas.
—Como naceu o libro?
—Vén da miña curiosidade pola orixe do nome do Amazonas. Despois de recorrer o río, os primeiros españois escribiron ao rei e describiron o que viron. Entre outras moitas cousas, nomearon un encontro con mulleres guerreiras, e de aí vén o nome. O relato do libro parte dun neno dunha tribo que non coñece a súa nai e non atopa explicación. O rapaz desconfía de que a súa nai sexa unha das Icamiabas, mulleres guerreiras que vivían ao marxe dos homes. Para perpetuar a súa tribo, unha vez ao ano, entregábanse aos homes, e só se quedaban coas nenas; os nenos eran coidados polos homes. Unha vez rematado o encontro co home que lle tocaba en sorte, entregáballe unha muiraquita, unha especie de amuleto, que é ao que alude o título.
—Cal é o fío argumental?
—O rapaz sen nai e o seu amigo. Os dous queren saber se realmente existen esas mulleres tan temidas polo resto dos habitantes da zona e deciden investigar pola súa conta. Como fío argumental tamén funciona o Amazonas, que é por onde flúe todo.
—De fondo está a conquista de América, un tema sempre controvertido. Como o presenta?
—Eu presento a unha xente que vive dun xeito determinado e, de súpeto, aparecen xentes con vestimentas alleas a eles, armas e cunha intención de arrasar o que atopan ao seu paso. Foi a loita de David contra Goliat, na que os indíxenas pouco tiñan que facer.
—Como resolve escribir unha historia así para un arco de idade concreto?
—Pode ir dirixido a adolescentes de 16 ou 17 anos, pero tamén pode lelo calquera.
—E escribe dun xeito distinto?
—Non, coma sempre, gústame moito documentarme. Neste libro, aínda que quixera apegarme á realidade, sería imposible porque a documentación existente é escasa e sempre a aportan os gañadores. Procuro documentarme e meter todo ese tipo de cousas, pero a historia dos rapaces son unha invención miña. Eu creo que si existiron as Icamiabas.
—Que lle supón gañar o Premio Raíña Lupa?
—O primeiro, unha sorpresa, e agora, a edición do libro. En moitas ocasións os autores presentámonos aos premios non tanto coa idea de gañalos, senón coa de que nos publiquen, que alguén do xurado decida que vale para publicar.
—É difícil publicar en Galicia?
—É complicado a nivel xeral, a non ser que optes pola autoedición. Publicar un libro non é doado, tes que ter unha certa calidade e que lle guste a determinadas persoas. É curioso porque este libro presenteino en tres editoriais antes, e só unha tivo certo interese. Eu supoño que terán un aluvión de orixinais, pero, tamén deberían contratar xente para lelos.
—Hai un perfil de literatura máis doada de publicar?
—Máis que un tipo de literatura, hai uns escritores que teñen máis tirón que outros. No seu momento foron Manolo Rivas ou Suso de Toro, e agora teñen moito tirón Ismael Ramos, Ledicia Costas ou Pedro Feijoo. Hai autores que teñen un público que está agardando polas súas novidades.
—Ten libros moi variados. Como é ese momento de elección?
—Non sei, veñen as ideas dun xeito casual, e volves a elas ata que un día atopas un fío; empezas a tirar e ao final acabas enganchado. Tes que conseguir mergullarte na historia. Por exemplo, no libro de Carvalho Calero estaba pensando como facer un libro dedicado ao Día das Letras que fora ameno e para todos os públicos. Estaba na librería Centésima Página de Braga e de súpeto empecei a ver abecedarios de persoeiros e pareceume boa idea. Eu teño empezadas un montón de cousas que están paradas, e están aí ata que te atrapa. Creo que a lectura e a escrita están moi asociadas.
—Ten reflexionado sobre por que escribe?
—Eu escribo para estar vivo; é unha necesidade vital.