O Festival Sinsal acollerá a preestrea dun filme de realidade virtual gravado en San Simón
VIGO

A proxección realizarase nun formato innovador, nomeado Theater VR, que permite que varias persoas poidan experimentar, á vez, contidos inmersivos, a través da sincronización de varias lentes
06 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O festival Sinsal segue a desvelar algunhas das actividades que conformarán a programación paralela do evento, que terá lugar do 21 ao 23 de xullo na Illa de San Simón. Na tarde da primeira xornada o festival acollerá a preestrea do documental de realidade virtual Road to Meta-Stage: The Documentary, unha creación que narra a historia dun dos primeiros escenarios virtuais do mundo e que, precisamente, recolle concertos do Sinsal na illa gravados na última década polo equipo de Liveforevr!, que impulsa o enxeñeiro audiovisual Toño Cabanelas.
Road to Meta-Stage: The Documentary é un proxecto que Cabanelas desenvolveu, principalmente, en San Simón xunto co festival Sinsal e numerosos artistas e investigadores a través de distintos programas de residencia artística que se fixeron desde 2013. «Trátase dunha iniciativa pioneira creada para as e os amantes da música e que se integra cos formatos e linguaxes máis populares entre as novas xeracións, como poden ser os videoxogos, a realidade virtual ou mesmo o streaming», sinalan. O documental combina imaxes animadas en 3D con contornas que mergullan ao público na experiencia e concertos ao vivo gravados en 3D en San Simón achegando ademais unha ampla variedade de efectos envolventes para a espectadora ou espectador, como é o son espacial 3D e os efectos visuais en tempo real.
A proxección realizarase nun formato innovador, nomeado Theater VR, que permite que varias persoas poidan experimentar, á vez, contidos inmersivos, a través da sincronización de varias lentes de realidade virtual. Deste xeito, o público que visite a capela de San Simón entre as 16:00 e as 21:00 horas do venres 21, gozará en grupo do mesmo contido ao mesmo tempo, facendo de cada sesión un momento único. O acceso será de balde e persoal do festival acompañará a cada grupo durante a proxección.