«Na miña vida persoal son un desastre, abúrreme coidarme, o meu é traballar»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO

XOAN CARLOS GIL

Vicevaledora do Pobo pola mañá, escritora pola tarde. A xornalista que se namorou da política estrea novo libro, «Tabiba», e advirte aos 70: «Isto de vivir crea dependencia»

23 abr 2023 . Actualizado a las 01:04 h.

«Teño dereito a ser unha inconsciente, se sopesas todo moito non fas nada». Con esta afirmación xustifica María Xosé Porteiro (Madrid, 1952) o seu salto á política dende o xornalismo. Tiña 35 anos e pensaba que sería un prazo curto de tempo. Xa nunca o deixou, «cada un ten a enfermidade que ten», di con sorna. Tras ocupar case tódolos cargos públicos posibles baixo as siglas do PSdeG— concelleira de Igualdade en Vigo, delegada de Galicia no exterior, deputada nacional, autonómica e membro das Asambleas Parlamentarias do Consello de Europa— deu un paso atrás na palestra pública para desenvolver o seu actual traballo como vicevaledora, pero advirte de que a xornalista vai pedindo paso: «Teño unha actividade na que non procede que opine sobre a realidade, gárdome a miña opinión para min, pero cando isto pase, que pronto pasará, estou segura de que este bicho que alimentei tantos anos vai querer saír a flote».

A pouco de cumprir os 71 anos, o vindeiro 25 de maio, Porteiro segue co ritmo de actividade de sempre. Mañás dedicadas ao seu cargo como vicevaledora e tardes centradas na lectura e a escrita, as súas grandes paixóns. «Na miña vida persoal son un desastre. Vivo soa, teño fillos, pero non netos. Abúrreme coidarme, o meu é traballar. Se non tivera que traballar non sabería que facer», confesa. Entre os amigos, o Ateneo Atlántico e o Évame Oroza pasa o tempo libre, cando non anda entre libros.

«Son unha lectora esixente, e unha escritora facilona». Di con travesura quen está a piques de presentar en sociedade a súa nova creación. «Teño un amigo, que é Alberto Avendaño, que di que os xornalistas que queremos ser escritores somos facilones, e que por iso facemos novela histórica ou thriller». Tabiba, que significa meiga na lingua amazigh —variante das linguas bereber— é un thriller que xorde dos atentados das Ramblas de Barcelona no ano 2017. A cuarta novela de Porteiro, que se presenta o vindeiro xoves en Vigo, versa sobre as identidades culturais e as paixóns contradictorias, «dinlle este enfoque porque pretendo resolver unha dúbida. E sen darme conta, de novo, puxen a unha muller como protagonista que vai en dromedario e en Harley».

Quen dirixiu a primeira concellería de Igualdade de Vigo segue moi activa no feminismo. «Foi o cebo, a miñoca, coa que me engancharon, era difícil dicir que non». Porteiro xa se relacionaba co movemento social e aí empezou unha paixón que practica e estuda teoricamente. «Isto é como as mareas, non se avanza en liña. Hai que cambiar os roles e mudar moitas estruturas mentais, e iso non se fai nun día. Non me gusta a discusión actual no feminismo, pero non hai que darlle máis valor. Non podemos crer o discurso do patriarcado de que isto está roto». Unha «revolución» na que se avanza tamén coa linguaxe, «temos que repensar os usos dunha lingua na que se insulta con atributos femininos e se enxalza con atributos masculinos. O pensamento tamén se modula coa linguaxe».

Sábeo ben quen aprendeu o galego cun manual que mercou nunha libraría cando regresou coa familia emigrada, de Cuba a Vigo, con 14 anos. «O galego para min foi unha necesidade. Viña de estudar ruso en Cuba, pero me falaba miña avoa co acento de Ribera de Piquín, e parecíame chinés. Ía entendendo pouco a pouco, ata que ela me metía un nantronte, ou un aínda... Non podía conectalo con nada do que sabía». Hoxe vive en galego e en Vigo, a cidade dende a que partiu para Cuba con catro anos, «son das que viaxei nos anos 50 en transatlántico». Dez anos despois de criarse nun país «dos máis desenvolvidos naquel momento», regresou a Vigo, desta volta en avión ata Madrid, e en tren á cidade olívica. «Os primeiros días aquí choveu moitísimo. Este Vigo luminoso era entón escuro e pequeno. Custoume afacerme a Vigo, pero fun medrando ao tempo que a cidade. A historia recente de Vigo é a miña vida. Agora non a cambiaría por ningunha outra cidade, somos como irmáns». 

A idade e a política

Porteiro fala coas frases directas da xornalista que empezou a súa carreira profesional na radio. E resposta coas cautelas de quen acumula experiencia política no mesmo partido que o Caballero que presume de desafiar á bioloxía. «¿Que si a idade é limitante? Depende... Dá experiencia e coñecemento, pero é importante que non te fosilices, que teñas frescura para seguir aprendendo. Aprender é o máis rexuvenecedor que hai, a curiosidade. Eu non perdín a curiosidade». Lonxe da hipérbole, recoñece que os anos non pesan, pero están, e son culpables dunha eiva física que limita a súa mobilidade, pero non a súa vida intelectual. «Sei que estou pasando unha barreira, e que cada vez terei máis limitacións. Cando necesite coidados, que me leven a unha residencia, e alí que me deixen ler, escribir, e me dean ben de comer. Isto de vivir crea dependencia. Crea hábito».

A súa canción favorita

«Aí ven o maio», cantada por Pablo Milanés en galego. «É un poema de Curros Enríquez que é unha figura clave da relación entre Cuba e Galicia. Escoitar a Pablo Milanés cantar en galego ten o seu punto. A súa última parella é galega, e temos un nexo común, a miña mellor amiga é madriña dun dos seus fillos».