A executiva da eólica que vén do agro: «Eu falo cos veciños dos parques»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO

Ana García

«Hai que enfríar a polémica, non todos os proxectos van saír», asegura a enxeñeira de familia gandeira experta en muíños de vento. «Pola miña orixe, entendo ben o rural»

15 abr 2023 . Actualizado a las 13:24 h.

Canta influencia ten a infancia no adulto que cada un é? María Landeira (Santa Comba, 1977) teno claro: «Creo que a propia identidade, a orixe, é a principal carta de presentación que temos». Esta directiva, delegada de desenvolvemento de renovables de Naturgy en Galicia e recén nomeada presidenta do centro tecnolóxico Energy Lab, ubicado en Vigo, non presume dos cargos. Tampouco fachendea dos títulos de enxeñería nin da súa especialización no sector da eólica mariña. Landeira do que se sinte máis orgullosa é de ter nacido nunha familia gandeira á que segue moi unida. «Pola miña orixe, entendo ben o rural. Moitas veces son eu mesma quen vou falar cos veciños ou comuneiros, son experiencias enriquecedoras».

Ten participado na posta en marcha dalgúns dos parques eólicos terrestres de Galicia, uns en funcionamento e outros en tramitación, e estuda a cales vai presentar propostas Naturgy, en base ao mapa que vén de aprobar o Goberno central e que ten causado polémica no sector da pesca e en algunhas zonas rurais afectadas. «Hai que darse conta de que non todos os proxectos van saír adiante porque os procesos son moi esixentes. Hai que arrefriar a alarma social e analizar cada caso. En Galicia, levamos 25 anos de convivencia coa enerxía eólica, temos exemplos fantásticos de coexistencia», reflexiona.

A clave, segundo asegura, é tratar como veciños ás persoas das zonas onde se van instalar os muíños. «Hai catro principios, desde o meu punto de vista: ser un máis no territorio, entender que pasa alí, os usos e costumes e os bens que hai que protexer. Tamén falar de igual a igual e xerar valor compartido. E hai que contar coas empresas e a man de obra local».

Non fala como unha executiva ao uso, aínda que tampouco se aparta da liña empresarial. Pero si algo distingue a visión de Landeira é a de ter que explicarlle aos seus, familiares e veciños da súa parroquia, porque convén instalar estas infraestruturas. «En Galicia sempre se fixo un uso económico do territorio. Antes había máis monte, logo máis labradío. A eólica tamén é un uso económico do territorio, que ademais é compatible coa gandeiría».

Fíxose enxeñeira inspirada polo pai emigrante que «argallaba» continuamente nas máquinas e que emigrou a Suiza onde traballou no túnel de San Gotardo, entre Suiza e Italia. «Foi para alá cun daqueles cursos CCC de mecánico baixo o brazo. A súa paixón era arranxar máquinas». Fascinada co mundo da enerxía dende que empezou os estudos de Enxeñería en Madrid, acabou volvendo á terra no eido das renovables. «Ás veces temos a sensación de que hai que pegarse a estereotipos para triunfar, pero os meus referentes teñen en común que sacaron fortalezas da súa identidade». A ela funciónalle, para tomar decisións, pensar que farían esas persoas ás que admira. 

Retornar ao territorio

Asegura esta experta que no debate eólico faltan moitos detalles normativos que as empresas están agardando. «É unha oportunidade de país, tamén para outros sectores industriais». Sectores como o metal poden saír moi beneficiados e a ubicación de Galicia, entre o Atlántico e Europa, abre mercados. As firmas interesadas en explotar a forza do vento tamén esperan coñecer a letra pequena da proposta que vén de facer a Xunta para crear un canon na eólica mariña e a posta en marcha dunha empresa mixta para reverter no territorio os beneficios desta enerxía. O debate sobre o retorno económico nas zonas onde se asenten máis muíños de vento é clave neste momento. «Eu insisto en que xa se comparten os beneficios, estámolo facendo en moitos casos. En Galicia páganse 14 millóns de euros de canon eólico que a Xunta destina aos concellos onde están os muíños. E os proxectos xa xeran beneficios a través dos impostos que pagan, tamén coas rendas aos veciños e accións concretas. Hai parques onde se teñen construído locais sociais, ou reparación de igrexas cos beneficios que lle quedan ás comunidades de montes». Explica que a construción do parque da Pastoriza, en Lugo, descubriu unha antiga vila romana que se puxo en valor ao promover a infraestrutura eólica.

Naturgy aínda non ten presentado propostas para construcións flotantes en Galicia, pero está a estudar as posibilidades. Sobre como vai afectar aos bancos pesqueiros, a directiva explica: «Traballamos coa empresa Equinor, pioneira de eólica mariña, que ten moitas experiencias de coexistencia e demostra que son compatibles». As enerxéticas e Administracións están iniciando un camiño que xa se trazou no norte de Europa e que agora hai que adaptar ao territorio galego antes do ano 2030, cando se calcula que empezarán a xirar os primeiros muíños de mar.

Su canción favorita

«Tribalista», de Tribalistas. «Meu avó por parte de pai era emigrante en Brasil e cando volvía, miña irmá e máis eu iamos a ver que nos traia na maleta. Sempre viña con música brasileira. Escollín esta canción porque fala da tribu e do traballo en equipo. Eu tamén teño a miña tribu no traballo e é un gusto atopalos cada día».