A Fundación Penzol percorre con fotografías a vida de Fernández del Riego

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO

M.MoralejoM.Moralejo

Ata o 17 de decembro se poderá ver na Casa Galega da Cultura unha exposición sobre o persoeiro a quen este ano se lle dedica o Día das Letras

05 abr 2023 . Actualizado a las 20:13 h.

Xosé Manuel Soutullo, director da Fundación Penzol, botou man das dúas últimas biografías de Francisco Fernández del Riego, escritas por Ramón Nicolás e Malores Villanueva, para falar de don Paco coma un loitador e un obreiro de Galicia. Foi durante a inauguración dunha exposición, na Casa Galega da Cultura, dedicada ao persoeiro a quen a Real Academia Galega dedícalle este ano o Día das Letras Galegas, que ademais foi o seu creador. Francisco Fernández del Riego 1913-2010. Letras Galegas 2023 estará instalada no vestíbulo da Casa Galega da Cultura ata o 17 de decembro. Os espectadores poderán achegarse a unha mostra fotobiográfica dividida en tres períodos: 1913-1939; 1940-1974 e 1975-2010. Impresa sobre paneis, a fotobiografía fará un percorrido sintetico pola traxectoria dunha personalidade de máxima relevancia na cultura galega contemporánea. Complétase a instalación cunha mostra bibliografica que recolle unha selección da súas obras máis significativas así como doutras de diferentes autorías que tratan sobre a súa figura.

O conxunto pretende ser unha introdución á súa obra e ás súas intensas e extensas actividades a prol de Galicia e da súa cultura. Tamén unha invitación a coñecer a Casa Galega da Cultura, que acolle a súa biblioteca, arquivo e museo, así como a biblioteca e o arquivo da Fundación Penzol.

A mostra realizouse a partir dun guión de Xosé M. Soutullo coa colaboración de Marián Vidal e a produción e o deseño de Editorial Galaxia. Poderá visitarse de luns a venres de 9.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas; os sábados 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas; e os domingos e festivos, de 12.00 a 14.00 horas.