A figura do pioneiro do cinema galego percorrerá trinta concellos

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO

Cedida

A Depuración de Pontevedra presenta o seu proxecto multidisciplinar, con proxeccións, exposicións e música, sobre o nevense José Gil

16 feb 2023 . Actualizado a las 00:01 h.

A rúa do Príncipe, a poucos metros de onde José Gil montou no ano 1910 a primeira produtora de cinema da historia de Galicia, serviu hoxe como escenario de presentación do proxecto multidisciplinar co que a Deputación de Pontevedra reivindicará a figura deste pioneiro. En colaboración con Vía Láctea Films, Cine na Rúa e Editorial Galaxia, ao longo do 2023 haberá exposicións, proxeccións, concertos, presentacións e múltiples actividades espalladas por trinta concellos da provincia.

Gil levou o cine a todos os recunchos de Galicia cun cinemóbil que se depositou ás portas do museo Marco. Será a peza central do proxecto de divulgación que deu a coñecer a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. Esta sinalou que o artista nado no concello de As Neves segue a ser unha figura descoñecida e case nada queda da súa obra (só se conservan sete películas).

No interior do Marco, Carlos Méndez e Lucía Concepción, expertos na técnica fotográfica do colódio húmido que serviu de base para o traballo de Gil, fixeron unha demostración práctica deste procedemento tomando unha imaxe da presidenta provincial. Asimesmo, proxectouse a curta Kids auto races at Venice (1914), o primeiro filme onde apareceu a personaxe de Charlot e que Gil proxectaba a principios do século XX como afeccionado.

A iniciativa leva por título José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema e a súa programación comezará nas Neves os días 24 e 25 de febreiro. Rematará o día 3 de decembro en Ponteareas e polo camiño percorrerá os concellos de Cuntis, Cambados, A Guarda, Caldas, Mondariz, O Grove, Poio, Baiona, Redondela, Gondomar, Nigrán, Arbo, Mondariz-Balneario, Soutomaior, O Porriño, Bueu, Cangas, Pontecesures, Lalín, Sanxenxo, Pontevedra, Tui, Vigo, Covelo, Moaña, Salvaterra, Marín e Vilagarcía.

En cada un dos lugares, a exposición e as actividades ocuparán un espazo público durante unha fin de semana. O público poderá coñecer o cinemóbil, que conterá 16 paneis explicativos sobre Gil. «Amais, están previstos encontros coa comunidade educativa de cada lugar, así como a exhibición e presentación de documentais, curtas e montaxes arredor deste pioneiro e a presentación do libro de Manuel González Nos días encantados de agosto», explicou a Deputación.

Tamén haberá sesións vermut, con música en directo, nas que bandas de cada concello interpretará músicas relacionadas coa vida do cineasta. Non faltarán proxeccións audiovisuais sobre as obras conservadas de Gil, un documental de 55 minutos de Miguel Romero sobre el e unha curta de Harold Lloyd que proxectou o nevense moitas veces.