
O escritor falecido no 2022 deixou rematado o libro e listo para a súa edición
03 feb 2023 . Actualizado a las 11:41 h.Editorial Galaxia publicará o 20 de setembro un libro inédito de Domingo Villar, falecido o pasado ano. Titúlase Síbaris e é unha obra de teatro que o autor vigués deixou rematada por completo e que entregou á Editorial Galaxia para a súa publicación. Trátase dunha peza dramática protagonizada por un escritor que vén de recibir o Premio Nobel mais que se atopa nun bloqueo creativo dende hai ben de anos.
Explican dende Galaxia que co fino sentido do humor que Domingo Villar destilaba, desfilan pola obra as filias e as fobias de moitas escritoras e escritores ao longo da súa carreira literaria e que teñen que ver cos medos, as inseguridades e as paranoias de todos aqueles e aquelas que se dedican a escribir. Trátase dunha reflexión aguda, cómica, ás veces despiadada mais sempre lúcida, arredor da literatura e todo o que a rodea.
Os seguidores do creador do detective Leo Caldas accederán aquí a un Domingo Villar poliédrico que era moito máis que un construtor de tramas policiais como xa quedara demostrado no delicado Algúns contos completos que a Editorial Galaxia publicou en 2021 e que tanto éxito de público e crítica alcanzou. «Non existen dúbidas de que con esta achega ao mundo do teatro, Domingo Villar seguirá facendo o mesmo que fixo durante a súa corta mais fecunda vida: seducir lectoras e lectores para a literatura galega», sinalan dende Galaxia.