Brais González compón para o Consello da Cultura a música do concerto das Letras Galegas 

VIGO

Oscar Vázquez

Maximino Zumalave dirixirá á Real Filharmonía de Galicia o 16 de maio no Teatro Fundación de Vigo

30 ene 2023 . Actualizado a las 12:41 h.

 «O protagonista é a palabra; potentes e vencelladas á cultura galega. Fixen unha pequena sinfonía, por iso chameina Sinfonieta, que inclue unhas melodías populares moi vencelladas con don Paco, e dous poemas de García Bolaño e Xaime Isla», explica Brais González para resumir a composición musical que lle encargou o Consello da Cultura Galega para o concerto das Letras Galegas que terá lugar no Teatro Afundación de Vigo o 16 de maio. Vai ser estreada pola Real Filhamonía de Galicia, dirixida na ocasión por Maximino Zumalave, e o Coro de Cámara Rías Baixas, dirixido por Bruno Díaz.

A entidade presidida por Rosarío Álvarez encargoulle a Brais González unha peza vencellada con Francisco Fernández del Riego, persoeiro ao que este ano a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras. «Dende hai 13 anos facemos este concerto na véspera da celebración e sempre facemos unha encarga musical a partir dunha peza literaria do autor elexido ese ano; nesta ocasión, a obra de Del Riego non é lírica así que optamos polo feito de que foi unha persoa moi querida e homenaxeada en vida por moita xente», afirmou, durante a presentación do concerto, Rosario Álvarez. Así que nesta ocasión a encarga xirou a partir de sendos poemas de García Bolaño e Xaime Isla, e da composición titulada A miña burriña, moi do agrado de Fernández del Riego. «O coro canta en bloque e a orquesta non é especialmente solista porque o importante era o conxunto da sociedade», apunta Brais González.

O programa do concerto terá dúas pezas máis co fío condutor da propia vida e personalidade de Francisco Fernández del Riego. «Xunto a Alejo Amoedo eleximos a Sweet Vigo, de Reveriano Soutullo, e o Concerto Grosso, de Jesús Bay y Gal, dous compositores galegos, aínda que situados nas antípodas un do outro», explicou Maximo Zumalave.

Marité Cores, coordinadora da área de Cultura de Afundación, expresou a grande satisfacción da obra social de Abanca por acoller o concerto das Letras Galegas na honra de Francisco Fernández del Riego. «Don Paco é moi querido por nós, e dende hai vinte anos dedicámoslle o premio de xornalismo, que no caso deste ano, imos adiantar para coincidir cos actos do vindeiro maio», sinalou Marité Cores.