Galaxia publicará unha ducia de libros no ano dedicado a Francisco Fernández del Riego

La Voz VIGO

VIGO

Entre os novos títulos hai dous inéditos do autor ao que se lle dedica no 2023 o Día das Letras

22 dic 2022 . Actualizado a las 02:04 h.

O vindeiro 2023 terá a Francisco Fernández del Riego como protagonista do Día das Letras, e a editorial Galaxia fará un amplo despliegue para festexalo xa que foi un dos fundadores da editorial a comezos dos anos cincuenta da pasada centuria. Para elo prepara a saída de máis dunha ducia de publicacións de obras da súa autoría ou dedicadas a súa inxente obra en prol da cultura galega.

Hai unhas semanas inaugurouse a Biblioteca Fernandez del Riego co volume Con Pondal en Bergantiños, no que o autor de Vilanova de Lourenzá fai un percorrido pola vida e obra de do «poeta solitario que canta o mar e a costa brava» de Bergantiños. En xaneiro, dentro desta colección, saíra do prelo o libro Lourenzá, obra na que Fernández Del Riego homenaxea e rende tributo a súa benquerida terra natal. Asemade nese mes tamén publicará Galaxia unha achega biográfica, Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia, da profesora Malores Villanueva.

As publicacións máis relevantes da Biblioteca Fernandez del Riego serán dous inéditos do autor. O primeiro é Diario da guerra, con prólogo de Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da USC. Nel, don Paco conta en primeira persoa o seu devir como combatente durante aqueles días terribles da guerra civil. O outro é Memoria do París literario, unha obra na que pasea coa súa exquisita pluma polos cafés parisienses e a literatura francesa, en edición da profesora Malores Villanueva.

A estes relevantes inéditos seguirán as reedicións de tres libros fundamentais na súa produción. Camiño andado, autobiografía, pero tamén crónica dun tempo, dunha xeración e dunha esperanza, onde asume a experiencia dos anos para percorrer, agora na memoria. O río do tempo, outro exercicio memorialista, unha volta á experiencia do pasado, sen renunciar ao porvir. E finalmente, A xeración Galaxia, a narración da aventura cultural e política protagonizada por un feixe de homes que nos anos máis escuros do franquismo loitaron pola supervivencia da identidade de Galaxia.

A Biblioteca completarase con Loitando pola Galicia que non foi, edición do historiador Justo Beramendi, e Fernández del Riego e a Arte, a cargo da historiadora da arte Beatriz Liz de Cea. Galaxia tamén editará Epistolario entre Ramón Piñeiro e Fernandez del Riego, nunha edición a cargo do profesor Enrique Monteagudo e Xosé Manuel Soutullo, director da Fundación Penzol. E as Cartas ao meu amigo, escritas por Álvaro Cunqueiro ao don Paco, nunha edición do profesor Armando Requeixo.

E para rematar esta serie tamén sairá un álbum infantil para os máis pequenos titulado Don Paco, o home que valia por mil, escrito por Antón Mascato e ilustrado por Pepe Carreiro. Con todas estas obras e con algunha outra máis, editorial Galaxia pretende festexar e reivindicar a este loitador incansable que foi unha figura fundamental da cultura galega, inspirador do Día das Letras que agora se lle dedican, cofundador da editorial Galaxia e da revista Grial, da Fundación Penzol e presidente da Real Academia Galega.