«Elas son a forza do Nadal», campaña a prol do sector primario

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

VIGO

Rafa Estevez

A Deputación de Pontevedra destaca o traballo de mulleres produtoras da provincia

10 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Elas son a forza do Nadal. Con este lema, a Deputación de Pontevedra leva poñendo en marcha desde 2019 a campaña de visibilización do traballo, o esforzo e o valor das mulleres produtoras da provincia, cuxo traballo é imprescindible especialmente nestas datas onde practicamente todos os produtos presentes nas mesas onde se xuntan as familias son froito do seu labor: desde o marisco, ata a carne ou o peixe, como produtoras e tamén como vendedoras nos mercados e prazas de abastos. A presidenta provincial, Carmela Silva, presentou este venres os materiais deste ano acompañada das protagonistas da campaña, todas elas mulleres do sector primario: Montserrat Areán, María José Tallón, Natalia Rodríguez, Ana Beatriz Amoedo, Nuria Novelle e Leticia Álvarez.

A campaña recolle os testemuños destas 6 mulleres profesionais de diversas áreas dentro do sector: marisqueo, agricultura, sector lácteo, vendedoras en mercados de abastos, sector vitivinícola e tamén turismo mariñeiro. Montserrat Areán, de Rodeiro, leva máis de 20 anos á fronte dunha granxa en Vilafrío. María José Tallón, de Silleda, é propietaria da empresa Trasdeza Natur, que obtivo diversos premios pola súa actividade. Natalia Rodríguez, de Baldráns (Tui), está á fronte das Adegas Corisca e é pioneira na recuperación de prácticas de agricultura ecolóxica na D.O. Rías Baixas. Ana Beatriz Amoedo, de Cambados, é horticultora dentro da cooperativa Horsal e tamén en Condes de Albarei. Nuria Novelle, mariscadora de Redondela, é vicepresidenta da agrupación de mariscadoras e confraría San Xoán de Redondela. Leticia Álvarez é peixeira no mercado do Calvario.

Carmela Silva, lembrou que esta campaña ten un dobre obxectivo. Por unha banda, busca «visibilizar o papel fundamental das mulleres do sector primario que traballan en toda a cadea de valor dos sectores produtivos do mar e da terra, na produción e na comercialización».

A presidenta incidiu en que «queremos pólas en valor porque son imprescindibles nun sector que xera moita actividade económica e permite que tanto na costa como no interior se poida manter a poboación: todos os estudos din que o rural non terá futuro se as mulleres non apostan por vivir nel e son elas quen manteñen a vida no medio rural».

A Deputación dará visibilidade á campaña nos medios de comunicación tradicionais e online con insercións para visibilizar as protagonistas, así como nas redes sociais da institución, con vídeos coas testemuñas das protagonistas e promoción dos produtos de proximidade.