O Pontellas como símbolo dunha vida

Míriam Vázquez Fraga VIGO / LA VOZ

VIGO

M.MORALEJO

Manuel Fernández Vázquez, Manolo da Fonte, omezou a colaborar co equipo hai 40 anos e seguiu pendente del na emigración desde Suíza

14 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Non foi futbolista nin tivo fillos que xogasen no club —si algún sobriño—, pero Manolo Fernández Vázquez, por todos coñecido polo alcume familiar de Manolo da Fonte, sempre sentiu o Pontellas como parte de si mesmo. «É un símbolo para min», di este home que comezou a colaborar coa entidade de fútbol da súa parroquia natal, do que é seareiro, hai máis de 40 anos e que non se desentendeu nin na súa etapa de emigrado en Suíza. Colaborador hoxe dunha reducida directiva de só tres persoas con el, todo o que ten relación co Pontellas sabe que aí está Manolo para botar unha man no que sexa e cando sexa preciso.

Nado «ao lado do campo» hai 70 anos, lembra que o seu primeiro cometido foi «lavar a roupa dos xogadores, e logo viña unha señora a colocala». Foron oito anos, antes de marchar traballar ao estranxeiro. Durante eses anos afastado xeograficamente, estaba ao tanto vía telefónica do que acontecía no equipo e de como lle ía cada fin de semana. De regreso, non tardou nada en volver ser un piar importante. «Enganchei outra vez facendo o que se necesitase: recollendo balóns e axudando en todo o que estea na miña man, xa que hai moi pouca xente que queira colaborar», lamenta.

Na actualidade, acude ao campo a diario para os adestramentos dos diferentes equipos e as súas funcións van desde ter froita lista para os xogadores tralos partidos que paga do seu peto ata vender lotaría de Nadal do Pontellas. «Estou pendente de todos: dos nenos, do primeiro equipo, do B e este ano tamén fixemos un equipo de mulleres», conta orgulloso e subliñando que el está «para todos».

¿Que move a Manolo para facer todos estes esforzos? «Fágoo por vontade, porque me gusta o deporte e gústame mirar aos nenos crecer facendo deporte en lugar de estar tirados na rúa facendo botellóns e cousas así», di este porriñés que ten visto a unha chea de cativos comezar de moi meniños e chegar ao equipo que hoxe milita en Preferente. «Eu, mentres poda, hei tirar. Dentro das miñas posibilidades, fago todo o que podo», sinala.

Tempo atrás, a súa dona encargouse durante unha etapa da cantina e Manolo conta que, coma el, os seus fillos naceron practicamente no campo. Aínda que logo a vida lles levou por outros camiños e non se implicaron, pasaron moito tempo da súa infancia nese escenario, convivindo cos nenos da canteira. «Durante moito tempo, o meu coche era o taxi dos rapaces do Pontellas, levo feito moitos esforzos e sacrificios», constata sen querer sacar peito nin moito menos, senón feliz de ter podido axudar. «Fago máis do que podo», engade.

Porque Fernández Vázquez tivo que deixar de traballar anos atrás por unha lesión nunha perna, sufrida nun accidente, e que o deixou impedido para seguir desenvolvendo o traballo que tiña daquela como palista. Aínda sofre as consecuencias, polo que ten que andar con ollo para non excederse nos esforzos. «Cando estou moito tempo de pé, ao día seguinte igual non me podo erguer da cama», explica.

O Pontellas é para el unha vía de escape. «As fins de semana vou mirar case todos os partidos, vou con eles a todos os lados. Gústame poñerme eu só para non discutir nin falar con ninguén, porque non quero follón nin co contrario nin cos da casa», conta. Cando toca derrota, non é que o leve ben, pero o seu pensamento sempre é que «virán tempos mellores».

Un deses tempos bos foi cando estiveron en Terceira, pero non o único. «O ascenso foi unha experiencia que queda ha historia do Pontellas. Coma cando fomos a xogar a Copa a Tolosa, que eu tamén viaxei», lembra. Nesas épocas bocas había moita máis xente disposta a colaborar e láiase de que agora non sexa así. «A xente está para as festas e as rondallas e é unha mágoa que ninguén da parroquia axude aos nosos nenos de cinco anos que comezan a xogar ao fútbol», di. Porque das tres persoas da directiva, Manolo é o único natural de Pontellas, unha parroquia que, denuncia, «está medio abandonada polo Concello, por non dicir abandonada de todo».

Malia a que chegou a formar parte de directivas de trece persoas e agora son moitos menos, nunca tivo medo de que o Pontellas desaparecese. «Antes de que pasase iso, collíao eu», aclara. Tamén o seu irmán foi presidente durante unha época, o mesmo que seu cuñado. «Todos estivemos liados nalgún momento», di. Pero ninguén durante máis de media vida, como si é o caso de Manolo.

El, pola súa banda, síntese recoñecido pola súa labor, aínda que sexa iso o último que busca. «Todo o mundo me quere moito, desde os meniños aos xogadores do primeiro equipo. Os pais tamén están agradecidos porque saben que fago todo sen interese ningún», constata. Sinte que os xogadores do primeiro equipo, os máis conscientes de primeira man de todos os seus esforzos, teñen «adoración» por el. Amosáronllo sen que o agardara a tempada pasada. «Regaláronme un xamón de 400 euros como agradecemento. Eu non espero nada a cambio, pero veu Yago (González), o capitán, e deumo por sorpresa. Foi moi emocionante». Unha maneira de corresponder a unha vida marcada polo Pontellas.