María Solar, Rocío Leira e Anxo Iglesias recollen os Premios Xerais coincidindo coa chegada das obras ás librarías

Begoña Rodríguez Sotelino
Begoña R. Sotelino VIGO / LA VOZ

VIGO

Rocío Leira, María Solar e Anxo Iglesias.
Rocío Leira, María Solar e Anxo Iglesias. XOAN CARLOS GIL

Os autores recibiron os galardóns correspondentes á categoría de Novela, Jules Verne de Literatura Xuvenil e Merlín de Literatura Infantil, nun acto celebrado no Museo do Mar en Vigo

13 nov 2022 . Actualizado a las 01:38 h.

Tras dúas edicións nas que foi necesario modificar o tradicional acto de entrega dos Premios Xerais, a festa das letras volveu hoxe á tradición cun acto celebrado no Museo do Mar de Vigo. María Solar, Rocío Leira e Anxo Iglesias recibiron os premios Xerais de Novela, Jules Verne de Literatura Xuvenil e Merlín de Literatura Infantil, respectivamente, coincidindo coa presenza xa nas librarías, dos exemplares dos tres libros gañadores dos premios, que foron fallados no pasado mes de xullo. 

O acto, presentado pola actriz e escritora Sabela Hermida, foi inaugurado cun discurso do director de Xerais, Fran Alonso, que felicitou aos gañadores e agradeceu o traballo dos xurados. Alonso falou tamén da preocupación de Xerais polo estado da lingua galega, que perde falantes entre as xeracións máis novas. Desa preocupación xorde o isologo «Fálame Sempre», de Pepe Barro, co que a editora quere abrir unha liña de publicacións arredor desta cuestión, como O libro negro da lingua galega, de Carlos Callón, ou Lingua, poder e adolescencia, de Miguel Rodríguez Carnota.

«Como non  emocionarse cando recibes un premio que vés lendo e coleccionando desde a  adolescencia?», preguntábase María Solar ao recoller o Premio Xerais de Novela pola súa novela A  culpa, que lle levou anos escribir. Con este thriller psicolóxico, a autora mergúllanos  nunha narrativa na que non podemos tomar alento ata desvelar por completo a historia de dominación, tolemia e morte onde a culpa é omnipresente. «Ides atopar  un thriller adubado de novela negra, no envoltorio, e unha novela máis  literaria e psicolóxica, no corazón», dixo. 

Pola súa parte, Rocío Leira dedicou o seu libro «a aqueles que se permiten o luxo de  cuestionar as cousas, a aqueles que son capaces de observalo todo baixo  perspectivas diferentes». Cicuta para dous, a obra de Rocío Leira gañadora do xuvenil Jules  Verne, é unha novela de investigación chea de humor e intriga e protagonizada por  un filósofo. Como a propia autora dixo, está pensada para público adolescente «A  rebeldía que acompaña esas idades, as infinitas dúbidas que amosan os  adolescentes, son a materia prima por excelencia de calquera filósofo que se prece»,  explicou a autora.  

O Premio Merlín 2022 foi outorgado a Anxo Iglesias polo seu poemario Unha nova  dimensión. Das 37 edicións que leva en marcha o premio, esta é a segunda vez que un libro de poesía infantil se fai co galardón outorgado por Xerais. Anxo Iglesias,  para quen este é o seu primeiro libro, empregou precisamente un poema para  agradecer o recoñecemento ao xurado, falar do proceso creativo, dos apoios que tivo  ou do que significa para el este recoñecemento: