Unha bombeira forestal: «No último gran incendio, en dez minutos xa non quedaba nada, todo negro»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO

XOAN CARLOS GIL

É das poucas mulleres que se enfrontan aos lumes forestais cada verán en Galicia; «non teño medo, pero ás lapas hai que terlles respecto, hai situacións difíciles»

03 sep 2022 . Actualizado a las 21:28 h.

As persoas non están programadas para se enfrontaren aos incendios. A natureza humana obriga a escapar, a afastarse e deixar atrás a cor e o son que produce a combustión. A práctica do oficio desactivou ese instinto no caso de Manuela Carrera (Tomiño, 1969), bombeira forestal no Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios da Xunta de Galicia dende hai sete anos. Esta profesional leva tres décadas traballando no monte en distintas facetas, polo que coñece ben o medio e os perigos que supón un foco descontrolado. «Hai situacións difíciles como a que vivín este verán no monte Xiabre, en Vilagarcía. Había moito vento, e o vento é o grande amigo dos lumes, propáganse con máis velocidade e poden saltar focos secundarios a quilómetros de distancia, estás apagando e saen novas queimas».

Carrera traballa no distrito XVIII, de Vigo-Baixo Miño, e vén de participar nas últimas semanas na extinción dos lumes en Melón, en Oímbra, no monte Xiabre ou en Arbo, pero tamén en conatos que se atallaron a tempo. «O verán está sendo complicado, pronto empezaron as altas temperaturas, vagas de calor, hai prealerta por seca dende o inverno... Antes, no meu distrito, había unha ou dúas semanas complicadas, pero agora levamos dous meses». O arranque do ano foi premonitorio, esta brigadista tivo que acudir a un incendio o 1 de xaneiro.

«Non se recorda un verán coma este, imos a lume por día». Manuela confía en que as choivas desta fin de semana poidan aliviar a situación, polo menos durante uns días. A seca deste ano está provocando tamén máis dificultades nas tarefas de extinción. Igual que se reducen os caudais dos ríos, tamén escasea auga nos mananciais onde os bombeiros forestais se fornecen para conter as lapas. «Temos que revisar os puntos de auga e xa notamos que algúns xa secaron. A choiva agradécese, e as néboas, que tamén calman os lumes», explica.

Os expertos levan anos advertindo da maior voracidade dos incendios en Galicia, un dato que esta profesional constata, ano a ano. «Non teño pasado medo pero ás lapas e aos lumes hai que terlles respecto. Hai situacións difíciles. No Xiabre, estabamos apagando e viunos un axente para dicirnos que outro foco nos estaba vindo polas costas. Era de noite, víase o resplandor e escoitábase o ruído». A maioría da xente non repara no son do lume, pero os incendios teñen vida propia e tamén emiten sinais acústicas, que estes profesionais coñecen, e temen. «Nese incendio o ruído era como un volcán. Non se miraba nada e, de repente, ves esa luz, ese resplandor, un ruído e xa non queda nada detrás. En dez minutos todo quedou negro, en silencio».

Unha nena do rural. Vive en Oia pero naceu en Tomiño onde lle sacaron esta foto cando tiña cinco anos de idade
Unha nena do rural. Vive en Oia pero naceu en Tomiño onde lle sacaron esta foto cando tiña cinco anos de idade

Traballando a 60 graos

Con 53 anos, Manuela Carrera fai fronte a longas xornadas de extinción, soportando o esforzo físico pero tamén as altas temperaturas. Un incendio forestal acada centos de graos, preto do lume o termómetro marca uns 60. Nese escenario a loita non é só contra o lume, tamén contra o propio corpo e a súa resistencia á calor. «Temos que hidratarnos e beber, levamos unha cantimplora no traxe porque súas moito e perdes moito líquido». O traxe fai de barreira térmica pero dá calor e pesa. «O equipamento protexe das altas temperaturas, igual que o casco e a pantalla. Aínda que non o pareza, dentro do traxe notas menos a sensación de calor, o que sentes é a temperatura corporal». As sesións de ximnasio axudan a soportar o esforzo continuado de xornadas de máis de oito horas. «Teño que manterme en forma porque xa teño unha idade. Con 53 anos, son a muller máis maior do distrito, eu e unha compañeira que fai reforzo no verán».

Este ano, por primeira vez, a Xunta inclúe o xénero feminino na nomenclatura do posto de traballo. A solapa que pegan no uniforme, e na que se indica o posto de cada profesional, identifica agora a estas profesionais como bombeiras forestais —con a—. «Somos moi poucas mulleres, na miña brigada son a única, pero síntome igual que os demais, os salarios son os mesmos». Carrera non quere polemizar sobre se o que cobran os brigadistas é suficiente para compensar a perigosidade do oficio pero asegura: «Ten que gustarche, polos cartos non o fas, é duro e non vale calquera». E reivindica unha xubilación anticipada, coma noutros oficios: «Non sei se todo mundo pode estar con 65 anos coa forma física necesaria para seguir».

Tras 23 anos traballando no mundo forestal, asegura que na natureza séntese libre coma un paxaro: «Gústame porque estás traballando para os demais, iso faime sentir moita satisfacción. Recordo o incendio de Arbo, os veciños viñan a darnos auga, foi exemplar».

Carrera convive estes días coa preocupación que calquera nai sente polo futuro dos descendentes, a súa filla valora presentarse ás oposicións para ser bombeira forestal. «Se lle gusta, adiante, pero se se pode dedicar a outra faceta que non sexa en primeira liña contra o lume, mellor. Sei o esforzo que isto implica e, si quere, non lle vou dicir que non, pero como nai... Xa sabes... Son protectora», confesa.

A súa canción

«What a feeling», de Irene Cara. «É a canción da película Flashdance. Gústame porque fala dunha rapaza que era soldadora, que non é moi común, e ten un soño que consegue cumprir. Gústame a forza que transmite, cada un ten que facer o que lle guste. Transpórtame a cando vin a película, que era unha nena».