«Para min o máis importante non é publicar un libro novo senón un do que estea satisfeito»

La Voz

VIGO

22 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

No 2013, a morte do pai deixouno descolocado, ata o punto de que decidiu frear a publicación da terceira entrega de Leo Caldas, que tivo que agardar varios anos. «Tíñao case rematado de todo, pero non me sentía ben, non estaba satisfeito, así que o desbotei e empecei de novo, a mesma historia pero narrada doutro xeito. Para min, o máis importante non é publicar un libro novo, senón un libro do que estea satisfeito».

Alma celtista

«A morte co Celta!». Deste xeito respondeu en certa ocasión. A súa afección futbolística polo equipo da súa cidade levoulle a exercer en algunhas ocasións de comentarista en retransmisión radiofónicas. «No momento de nacer, os meus fillos recibiron unha nota coas circunstancias do mundo e unha posdata na que di que son do Celta. Se teñen valor, que loiten contra iso!», respondeu en outra ocasión.

pandemia

«Non achei demasiada cousa boa na pandemia». Contra aquela idea que algúns pretenderon forzar para atopar a parte boa da pandemia, Domingo Villar rebelouse. «Non achei demasiada cousa boa na pandemia. E os malos hábitos estanse a retomar axiña. Quedou moita xente no camiño; é difícil atopar cousas boas. Si reconciliou a moita xente coa lectura, que atopou ou volveu atopar o pracer de vivir unha vida prestada nos libros».

leo caldas

«Recoñézome nel, pero é máis valente». Domingo Villar pasará á historia da literatura ligado ao seu personaxe, do que dicía: «Eu me recoñezo en Leo Caldas, compartimos un pai que adoramos, que é adegueiro, como o meu, ambos colaboramos nun programa de radio, pero el é máis valente, tamén máis tristeiro; eu teño familia e el cre que o mundo non está para tela. El é un solitario, orfo, ten unha ex á que non esquece. Eu crecín nunha familia grande, somos catro irmáns, tivemos unha infancia formidable. Teño unha muller coa que estou feliz e tres fillos».

cine

«Teño certo medo». A praia dos afogados foi a novela de Villar que pasou ao cine. «Teño certo medo_dicía antes da súa rodaxe_porque non describo aos personaxes, que quedan na imaxinación de cada quen. Encantaríame ter bos rostros, pero iso non o podo controlar, é a obra dun director», afirmaba.