Rías Baixas, un destino sen fronteiras

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO

A Gala do Turismo da Deputación de Pontevedra destaca a fortaleza do sector na provincia

22 mar 2022 . Actualizado a las 17:50 h.

Unha emocionada Carmela Silva enxalzou o destino Rías Baixas na Gala Provincial de Turismo que tivo lugar onte no Auditorio Mar de Vigo: «Temos demostrado unha grande fortaleza para enfrontarnos a retos que nin imaxinábamos». Con estas palabras abriu o acto a presidenta da Deputación que, xunto a Abel Caballero, alcaldes de toda a provincia e representantes do sector turístico, da cultura e da sociedade, se deron cita para a celebración. Preto de 350 persoas desfrutaron dun espectáculo audiovisual, coa música en directo de Tanxugueiras e a luz e acrobacias de Pablo Méndez. Con eles presentouse a campaña Love Rías Baixas.

Ese campaña leva por símbolo un corazón que representa, explicou Silva, «os nosos valores como pobo aberto, acolledor e solidario. As mulleres e homes de Ucraína contan co noso apoio. Desexamos que máis pronto que tarde poidan reconstruír a súa vida en paz». Foi nese momento cando o corazón vermello de Love Rías Baixas transformouse na pantalla nun grande corazón coas cores azul e amarelo da bandeira do país invadido por Rusia, nun espectacular escenario con pantalla curva de 17 metros de longo na que se visualizaron os atractivos turísticos que fan única á provincia.

Na súa intervención, o alcalde de Vigo tamén presumiu de recursos turísticos: o Nadal, as Illas Cíes, a festa da Reconquista, a gastronomía ou o programa Cidade de Cor. «Estase constituíndo no proxecto de turismo emerxente máis importante de Europa», dixo.

Na gala, a Deputación nomeou nova Embaixadora Rías Baixas á Ruta do Viño Rías Baixas, que obtivo en Fitur o recoñecemento á mellor ruta vinícola de España. O seu predidente, Juan Gil, incidiu no potencial do enoturismo, con «enormes posibilidades de crecemento». Por outra banda, entregáronse os distintivos Sicted (Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos) ás 163 novas empresas de 27 concellos que veñen de conseguir esta acreditación de prestixio.

As integrantes de Tanxugueiras, Olaia e Sabela Maneiro e Aida Tarrío, xunto a Iago Pico e Isaac Palacín, recordaron a estreita relación entre o grupo e a Deputación (que leva tempo apostando e contando con elas a través do seu programa Musigal). Foron as encargadas de abrir a cerimonia coa peza Midas, nun espectáculo no que tamén interpretaron o tema Figa e o himno Terra, que puxo o colofón ao evento ante un auditorio entregado ao ritmo sen fronteiras.

Sen alento deixou tamén o espectáculo de Pablo Méndez centrado na auga como fío argumental para poñer en valor o mar, as rías e ríos da provincia e para cuxa montaxe foi necesaria unha grúa de máis de cinco metros.