Nico Rodríguez: «Unha medalla olímpica é un plus brutal para ter oportunidades»

VIGO

Oscar Vázquez

O vigués cualifica o 2021 coma o seu mellor ano «pero espera que non sexa o último»

26 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nico Rodríguez García-Paz (Vigo, 1991) é un dos grandes deportistas do ano. Bronce en Toquio na clase 470 en vela con Jordi Xammar como compañeiro, Nico pasa o Nadal en Vigo á espera de comezar un novo proxecto olímpico en xaneiro coa ollada posta en París 2024. Admite que unha medalla nuns Xogos abre portas e que o 2021 é ata agora o ano da súa vida, pero quere máis. Por iso, curado dunha lesión de ombreiro e logo dun tempo de moitos recoñecementos e poucos adestramentos, xa está preparado para volver a empezar.

—Como é a vida dun medallista olímpico logo de acadala?

—Ao final todo é igual salvo datas ou cousas concretas e aínda estamos vivindo o post xogos olímpicos, que pouco a pouco se van diluíndo. Ao final somos as mesmas persoas e quedo coa satisfacción persoal de ver como se cumpriu nun soño.

—Chegou a ser estresante acudir a tantos actos?

—A primeira semana foi unha tolemia. Actos e reunións todos os días aos que tiñas que asistir porque tamén é unha oportunidade para ti para facer outras cousas no futuro. É certo que nalgún momento chegas a preguntarte cando teño tempo para min. Nos primeiros oito días, vin dous a miña moza, dos cales igual nin estivemos sós un momento. De todos os xeitos, tamén forma parte do traballo, é moi bonito e tamén te das conta do que xera unha medalla olímpica, que é algo moi especial.

—Esperaba tanto recoñecemento?

—Ao volver dos Xogos Olímpicos cunha medalla, todo se duplica e non podemos esquecer que a vela é a federación con máis medallas do deporte español. Hai que asumilo con naturalidade e xa está, ao final os Xogos son cada catro anos ou cinco anos, coma esta ocasión.

—Abriulle portas o ser medallista olímpico?

—Sen dúbida. Conseguíramos ou non unha medalla olímpica, eu diría que o mellor foi o camiño e as oportunidades que che dá unha campaña olímpica, pero sen dúbida o chegar a ter unha medalla olímpica é un plus brutal tanto de oportunidades profesionais e de futuro como adestrador ou regatista profesional. Non é o mesmo estar no grupo de medallistas olímpicos que non, é algo que destaca, distingue e permíteche coñecer a outra xente e acercarte á posibilidade de ter algún patrocinador.

—Pódese dicir que o 2021 é o mellor ano da súa vida no deportivo?

—Dende logo. Nós comezamos este ano sendo conscientes de que tiñamos un soño de ser medallistas olímpicos e conseguímolo. Custou moito, pero o camiño que fixemos ata ese momento mereceu a pena porque era o soño das nosas vidas, esa frase engloba todo. Foi o mellor ano da nosa vida e espero que non sexa o último.

—Viu repetida a última regata?

—Sí, varias veces.

—E que lembranzas lle trae o vídeo?

—Cada vez que vexo o momento no que cruzamos a liña de chegada, pónseme a pel de galiña, porque son moitas cousas. Tamén o momento do podio. Non chego a chorar, pero noto como se humedecen os ollos, porque son moitas cousas. A semana pasada, na gala do COE emocionábame coas imaxes, tantos coas miñas como coas do resto dos compañeiros. Só ti sabes polo que pasaches para chegar a ese momento e son moitas emocións e iso é o culmen de todo. Seguro que cada vez que o vexa vaime seguir dando un pequeno arrepío.

—Neste Nadal non se terá que privar como nos anteriores.

—Levo sen privarme dende o verán. De feito, tiven que facer algo de cardio, que houbo nalgún momento que Nico era outro.

—Canto peso chegou a coller?

—Máis de seis quilos nalgún momento, pero ben collidos e con moito gusto. Houbo un momento que me dixen: ‘Oes, igual temos que empezar a movernos'. Agora xa estou moito menos.

—Tamén necesitaba una desconexión logo de cinco anos moi duros.

—Certo. A cabeza necesitaba isto e agora xa sabe o que ten que facer e volver a reconectar é máis doado. Non é algo que teñas que aprender, senón recuperar os hábitos e xa está.

«En xaneiro poderemos volver á auga e darlle corda ao proxecto de París 2024»

Nico xa pensa no futuro. No primeiro mes do 2022 desvelará o seu proxecto para París asumindo dende o primeiro momento o reto de clasificar o barco e de vivir unha segunda experiencia olímpica co mesmo obxectivo de repetir podio.

—Tivo tempo para adestrar nestes catro meses.

—A verdade é que o de adestrar estivo un pouco parado. Tamén arrastraba unhas molestias dos Xogos, pero agora xa estou empezando e en xaneiro, se todo vai ben, xa poderemos volver á auga e darlle un pouco de corda ao proxecto para París 2024.

—Cando imos poder saber algo dese proxecto?

—O proxecto leva moitos meses claro, pero ata xaneiro non desvelaremos os datos.

—Pero vai seguir na carreira olímpica...

—Si, o obxectivo é París e agora toca traballar.

—Chegouse a plantexar un troco á vela transoceánica ou algo polo estilo?

—Esa opción sempre estará aí, pero agora mesmo temos por diante unha campaña olímpica de dous anos e medio e logo de París, xa veremos.

—Cal era a lesión e como está?

—Tiña os dous cóbados tocados e no dereito levo arrastrando molestias dende hai tempo. En Xapón tiña algunhas xa, e o volver empecei coa rehabilitación e pensei que ía ser máis rápido, pero ás veces as cousas van máis lentas. Non pasa nada, foi mellor neste momento que máis tarde.

—Agora terá o listón máis alto, porque todo o mundo conta con vostede para clasificar o barco e para estar.

—É unha bonita presión, iso fala ben do traballo feito ata agora e iso é unha oportunidade máis para seguir medrando e se nos metemos neste proxecto é porque creemos que podemos aspirar ás expectativas que se xeran.