Roberto Mera: «A Transición non saldou contas co pasado»

Carlos Punzón
Carlos Punzón PONTEAREAS

VIGO

Oscar Vázquez

O politicólogo e concelleiro mantén que «os exquisitos do nacionalismo» desmobilizaron o voto ao BNG cando tocou poder na Xunta

21 ene 2022 . Actualizado a las 21:45 h.

É difícil que pase máis de vinte segundos na mesma posición na cadeira na que se senta para o retrato. Roberto Mera (Ponteareas, 1971) é a inquietude personificada. Trata de domala física e mentalmente. «Agora coido todas as plantas do meu xardín», corpo e espírito, que trata non sexan tragados polo remuíño da política, que xa o deixou na súa primeira etapa case sen aire. Agora mantén a entrega a raia, ata con sesións sagradas de piano e piscina. «Descubrín outro tipo de vida. Respecto os biorritmos, descanso», di coma quen da coa fórmula máxica. Contrapón a súa vida actual co maremoto e o custo que lle supuxeron anos de intensa oposición municipal en Ponteareas e rematar dirixindo a campaña das autonómicas do 2009, as únicas que o BNG afrontou desde o poder da Xunta.

Dese monocultivo da política mudou para un xardín variado. É tenente de alcalde, concelleiro de seis áreas, politicólogo, avogado, acordeonista do grupo Ronco & Fol, activista na súa parroquia de Arcos e investigador da historia que construíu un dos seus tíos bisavós e a que acaba de darlle forma de libro: Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos, en Ediciones Belagua. A historia do seu parente, ao que no propio libro se lle dá o alcume do Schindler galego, completouna tirando do fío, unha práctica constante na súa construción persoal. Por exemplo, ir ver o Celta a Balaídos levaríalle, polo mesmo tirar do fío, á política e ao nacionalismo.

Antes, engadir que Mera tivo unha infancia e primeira xuventude de cambios continuos que lle deixaron unha pegada crucial. «De educación infantil a COU estiven en dez centros educativos», di. Ponteareas, Cambados, O Porriño, Vigo e Santiago xa na carreira, deixan un rastro de vinte e tres mudanzas e ser sempre o novo na clase por unha vida na que os traslados do seu pai no Banco Pastor trazaban o norte, singradura que perdeu definición coa morte da súa nai nun accidente de tráfico, do que xusto hoxe se cumpre o seu 37 cabodano.