«Estudo micoloxía dende 1978 e non recollo setas no monte, merco»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO

XOAN CARLOS GIL

Marisa Castro, doutora en Bioloxía e experta en fungos, alerta de que a afección polos cogomelos está a arrasar os recursos en Galicia: «Os montes están xa machucados»

19 dic 2021 . Actualizado a las 01:41 h.

Marisa Castro (Lugo, 1955) é unha nena labrega, unha rapaza de aldea. Ata aquí a similitude co clásico literario de Neira Vilas. Porque esta bióloga, lonxe de ser un ninguén tense convertido nunha das expertas que mellor coñece a terra que pisan os seus pés. «A teoría está nos libros, o campo está no corpo, na mente». Con esta tese, esta doutora en Bioloxía da Universidade de Vigo, vén de xubilarse das funcións docentes que emprendeu dende o nacemento da institución. Pero Castro segue activa, tanto no académico coma no estudo da natureza, especialmente dos cogomelos, un universo subterráneo que coñece como poucos.

«Hai quen sabe de cen setas e di que é micólogo. Nin todo o que bebe viño é enólogo nin todo o que come setas é micólogo». Sen discutir o dereito das persoas que saen ao monte a recoller cogomelos, esta experta pon moitos matices a esta práctica. Primeiro, o risco. «Todas as setas son comestibles cando menos unha vez», di con ironía. Segundo, a lei. «A regulación en Galicia se limita á recollida de dous quilos por persoa e día». E terceiro, a explotación desmesurada dos recursos. «As comunidades de montes se nos queixan de que teñen cogomelos para levar adiante proxectos e vai a xente o domingo, e llos leva». Castro defende que hai que pedir permiso aos propietarios forestais, e nunca cortar a seta. O correcto é arrincala «para non deixar apodrecer o que hai encima do micelio, que é o fungo».

Pero se algo lle preocupa a esta bióloga é a escasez do recurso que se está a detectar nalgunhas zonas pola «presión» que exercen moitos afeccionados a este mundo. «Estudo micoloxía dende 1978 e nos últimos 15 anos non recollo setas no monte para comer, merco a pé de monte, a persoas que alugan terras para apañar. Hai montes de Galicia que están machucados e estamos invadindo Portugal». O di con coñecemento de causa, pois vive entre Galicia e o país luso.

Os cogomelos das Rías Baixas

Antes da súa xubilación, este mes de agosto, Marisa Castro despediuse da docencia na universidade impartindo prácticas a alumnos de primeiro de carreira. «Eu só bióloga de campo», asegura. Castro naceu no seo dunha familia labrega de Lugo que coidaba de 30 hectáreas de terreo. «Tiña un pai moi duro e hai 60 anos unha muller non podía opinar. Se o rural funcionara non tería marchado a estudar, quedaría na casa e traballaría na terra, pero non funciona, tes que traballar sete días á semana e 24 horas ao día». Na súa traxectoria atopouse cun dos maiores expertos de Galicia en plantas e fungos, o profesor Luís Freire, do que aprendeu a teoría dunha terra que ela coñeceu en cueiros. «Miña nai sempre dicía que eu era como as cabras, tiraba para o monte. Cando volvía de Santiago, onde estudaba, non ía para a cidade, ía para o campo, buscaba plantas, facía fotos... ». Filla e neta de menciñeiros, aproveitou a carreira para estudar as plantas que coñecía da aldea. «Iso abriume un mundo moi bonito».

Ao seu universo fóronse incorporando ducias, centos e milleiros de fungos que foi descubrindo. «En Galicia se poden recoñecer moitos fungos pero non todos teñen calidade. Como tampouco todo o que atopas na area e marisco para comer», sinala. Cifra nunhas 25 as especies interesantes espalladas polas Rías Baixas. «Estamos nunha zona moi boa. Temos variedade de ecosistemas que nos permiten apañar de todo. Como a Amanita caesárea, que é unha especie rara no resto de Galicia. En pinares dunares cun ph alto como a praia de Barra aparecen especies como o robellón ou Lactarius sanguifluus que non aparece noutras zonas».

Esta paixón polo campo plásmase na empresa fundada na Universidade de Vigo e da que Castro é directora científica. Mycogalicia Plantae asesora a comunidades de montes e publica libros de divulgación e mesmo xogos infantís. Agora, nesta empresa traballan en biomateriais, tecidos obtidos a través de fungos. Un proxecto nacido nas aulas, un lugar a onde segue regresando Marisa cada tres semanas, a pesares da súa xubilación. A súa paixón pola educación a leva a formar parte do programa educativo Voz Natura de La Voz de Galicia, dende o seu nacemento.

«Boto moito de menos aos alumnos. Vou pola facultade unha vez ao mes porque codirixo algunhas teses, e cando os vexo o corazón me dá unha volta», conta. Un oficio que leva desenvolvendo cincuenta anos, dende que comezou dando clases particulares aos 15 anos para conseguir cartos. «A docencia me leva a compartir ou a aprender deles, dos alumnos. Me fascina a vitalidade que pasa continuamente, esa sangue nova. Lles ensinas pero relativamente, porque ti aprendes moito deles». No seu despacho charlábase de bioloxía pero tamén da vida. «Viñan por alí, contábanme problemas, soños e como intentar conseguilos. Foi unha experiencia de vida insuperable». E o segue sendo porque Castro segue a pé de campo e de universidade. «Sei como funcionan as cousas e teño ganas de facer».

 A súa canción favorita

«Lela», de Dulce Pontes. «Dulce Pontes é unha mulleraza. A letra é de Castelao. Quen mellor para representar a Galicia? Está quitada da obra Os vellos non deben namorarse. Eu vivín cunha persoa moito maior ca min que si se namorou de min, e eu del. Agora estou casada cun médico portugués que asubía moi ben este tema».