A compostelana Berta Dávila gaña o Premio Xerais de novela e o Verne de literatura xuvenil

B.R.Sotelino VIGO / LA VOZ

VIGO

Ledicia Costas e Berta Dávila xunto ao director de Xerais, Fran Alonso
Ledicia Costas e Berta Dávila xunto ao director de Xerais, Fran Alonso Xoán Carlos Gil

Ledicia Costas acadou o Merlín de narrativa infantil

11 dic 2021 . Actualizado a las 23:22 h.

O museo Meirande, centro e interpretación da Batalla de Rande con vistas á famosa ponte dende o concello de Redondela, acolleu onte a entrega dos Premios Xerais de Literatura nas súas tres modalidades. O director da editorial, Fran Alonso, comezou o acto lembrando ausencias irreparábeis como a de Darío Xohán Cabana na cerimonia enmarcada de novo polo mar tras deixar atrás escenarios como a illa de San Simón, que a acolleron durante moitos anos, ou o Museo do Mar, de xeito máis recente.

O primeiro galardón en ser desvelado foi o de literatura infantil, o Premio Merlín, ao que concorreron 26 obras. O xurado, seducido por un texto ao modo dos contos clásicos, decidiu por unanimidade darllo á obra que Ledicia Costas (Vigo, 1979) presentou baixo o lema O neno de lume. A autora, ao recollelo, dixo que a nova facíaa viaxar sete anos atrás, cando Escarlatina, a cociñeira defunta foi recoñecida con este mesmo galardón e a súa vida mudou dun día para outro. «Coido que por iso este premio é tan especial para min por todo o que me trouxo», confesou engadindo o agradecemento a Xerais, editorial coa que traballa hai máis de 20 anos. Nas verbas da recoñecida escritora, O neno de lume é «unha historia de néboa, sopa e nenas e nenos singulares».

De seguido deuse a coñecer o Verne de literatura xuvenil, ao que concorreron 14 obras, e que foi por unanimidade para Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) pola obra titulada Un elefante na sala de estar, cuxo argumento resumiu o xurado como: «Un grupo de persoas que se ven afectadas por un suicidio intenta buscar o motivo ao tempo que se culpan e procuran o xeito de aceptalo». A escritora fixo un paralelismo entre o agasallo dun calidoscopio que lle fixo hai algún tempo ao seu fillo coa novela premiada: «O aparato é un foco sobre o mundo que nos fai velo cambiado, fermoso se cadra, ou se cadra non, porque a literatura tamén ten que enfocar o terrible algunhas veces, e esta é unha novela sobre o terrible», afirmou.

A sorpresa veu ao final, ao desvelarse o Xerais de Novela, ao que se presentaron 44 obras resultando ser elixida por maioría outra obra da mesma autora gañadora do Verne, Berta Dávila. O texto premiado, titulado Os seres queridos, é segundo ela mesma dixo «un retrato incómodo sobre o que significa o amor maternal». A protagonista do relato queda embarazada cinco anos despois de ter o seu primeiro fillo e toma a decisión de abortar. Neses momentos lembra o nacemento do neno como unha experiencia dolorosa.

Dávila manifestou a súa ledicia pola dupla: «Síntome afortunada por recibir estes dous premios, porque significan moito para min e porque son o abrigo perfecto para dous libros singulares cos que convivín durante moito tempo de traballo intenso», sinalou engadindo que Os seres queridos é «un libro duro pero penso que tamén luminoso».

Respecto ao galardón de narrativa xuvenil Jules Verne afirmou que «é realmente emocionante que a miña primeira novela para xente moza reciba este recoñecemento». Non é a primeira vez que se dá esta circunstancia. En 2009 Rosa Aneiros gañou estes mesmos dous premios, o Xerais de Novela e o Jules Verne. O xurado tamén recomendou a publicación da obra presentada baixo o lema O negociador.

Os Premio Xerais están dotados con 10.000 euros en cada unha das súas categorías e estarán nas librerías a partir do mes de marzo de 2022.

XOAN A. SOLER

«O relato edulcorado da maternidade é nocivo para as nais»

A traxectoria da gañadora dos Xerais 2021 en dúas das tres categorías que contempla, Berta Dávila, ten sido destacada en numerosos premios tanto polos seus traballos como narradora como pola súa obra poética. Por Raíz da fenda (Xerais, 2013) obtivo o Johán Carballeira de poesía e posteriormente o Premio da Crítica Española. O derradeiro libro de Emma Olsen, Carrusel e Illa decepción son as novelas máis destacadas da súa carreira nas letras.

Como foi o proceso de creación de ambas obras? Escribiunas ao mesmo tempo?

Foron procesos de escrita moi distintos e non foron simultáneas no tempo, pero remateinos case á vez. Os dous viñan de atrás aínda que houbo outros libros polo medio.

Non resulta complicado saltar de un ao outro?

—Eu adoito traballar en distintos proxectos literarios ao tempo. Fágoo sempre, porque senón sería imposible.

A súa estrea na literatura xuvenil non pode comezar mellor. Non sei se pensou ao creala en que era o que a facía máis xuvenil ca outra...

Un elefante na sala de estar é unha novela concibida desde os temas que a min me interesa contar, que son os mesmos que os que están na miña obra para adultos, pero escrita desde o reto de tratar de que poida interesar a un lectorado de menos idade. É un rexistro difícil, pero tamén é emocionante. O libro conta como se atravesa un proceso de loito cando se cruza co peso do estigma do suicidio. É un tema duro, pero o libro busca continuamente sinalar que hai un lado solleiro no camiño, que os protagonistas non están condenados á traxedia.

En «Os seres queridos» aborda a maternidade dende a súa propia experiencia?

A protagonista é unha muller que fala da súa relación coa maternidade cinco anos despois de ser nai. Eu o que intentei foi, a través da súa voz, contar ou confrontar o que é o relato edulcorado da maternidade, que resulta nocivo para as nais. E coa idea de que as nais escriban e non sexan escritas. É unha novela especial e importante para min. Se cadra controvertida, como todos os temas atávicos, sobre todo os que nos atinxen ás mulleres.

Pero hai unha mirada persoal?

Todas as novelas que escribimos teñen unha mirada persoal. Non creo que haxa ningún autor que poida dicir que o que escribiu non ten nada del mesmo.