«O Coruxo debe dar pasos pequenos para conseguir unha meta grande»

x.r.c. VIGO

VIGO

Oscar Vázquez

O mediocentro asume o reto de ascenso nunha liga «co nivel de Segunda B»

04 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Antón de Vicente (Vigo, 1989) decidiu quedar no Coruxo coa intención de facelo por moitos anos, e comezando coa tarefa de devolvelo á terceira categoría do fútbol español. O mediocentro asume o reto do ascenso, pero aventura unha liga moi igualada, co mesmo nivel cá extinta Segunda B e na que o equipo debe dar pasos curtos para rematar conseguindo unha meta grande.

-Como ve o inicio de liga?

-Ben. Foi unha pretempada importante co tema das sensacións, cambiou o cadro técnico e a metade da plantilla e creo que nese sentido é un ano de cambios para os que levamos anos. A xente está respondendo moi ben, temos moi bo grupo e no futbolístico, tamén. As sensacións logo dos partidos foron positivas.

-Vostede tiña dúbidas de continuar, ao final que lle animou a quedar no Coruxo?

-Sobre todo, a miña familia. Eu son das persoas que comparten as sensacións cos máis próximos e por esa parte e pola de dúas persoas do club que sentaron comigo e pedíronme que quedase, tomei a decisión e, unha vez que quedo, quero facelo moitos anos para intentar retirarme no Coruxo e axudar ó club dende dentro. Imos intentar conseguir o ascenso este ano se é posible.

-Que nivel ve na plantilla?

-Parello ao do ano pasado, pero con máis enerxía. O ano pasado eramos unha das plantillas máis veteranas da categoría; iso cambiou e agora somos das máis novas. E esa xente nova vén con fame para intentar ser futbolistas.

-Gañarlle ao Lugo e ao Racing quere dicir algo?

-Que o traballo vai por bo camiño, que prantexamos as cousas de xeito que os xogadores nos sentimos moi cómodos co estilo de xogo e que cos equipos que deixan xogar, as sensacións son boas. Hai potencial, pero hai que ir pouco a pouco.

-É un ano de moita responsabilidade pola obriga de intentar volver á terceira categoría?

-É unha mensaxe que dende o club se remarcou moito e dende dentro si sabemos que temos que ir partido a partido, mirar só ó rival que temos enfronte e intentar medrar semana a semana. As ligas son longas, a dificultade é importante e o Coruxo ten que aspirar ó máximo, pero ten que ir dando pasos pequenos para conseguir unha meta grande.

-Todo apunta a unha liga de moita igualdade?

-A sensación é que o nivel non baixou. Para min, estamos nunha Segunda B como a de todos aos anos, pero sacaron ós equipos que estaban entre os catro primeiros, que foron a unha liga superior. Os de toda a vida de Segunda B estamos aquí. O que menos erros comenta nesta categoría tan difícil e máis punto saque na casa vai ser o que estea arriba.

-Que importancia lle da ao primeiro partido?

-Empezar ben e confirmar esas boas sensacións que tivemos na pretempada pode ser importante. Ademais, é un partido fóra da casa e se te ves con puntos, as sensacións son distintas.

-É un hándicap iniciar a liga en Ponteareas como locais?

-Sempre é un hándicap non poder xogar na casa, porque coñeces o campo e pola comodidade do desprazamento, pero o club buscou un campo de boas dimensións e que estea o mellor posible. E cando rematen as obras, O Vao vai estar en magníficas condicións.