Patrocinado porPatrocinado por

A comuneira que cultiva setas shitake en troncos de eucaliptos

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

FORESTAL

Oscar Vázquez

Alexandra Alonso defende un «bosque comestible» con herbas medicinais e froiteiras; é unha das poucas mulleres novas que forman parte dunha directiva de montes veciñais

04 ago 2021 . Actualizado a las 13:33 h.

Cada dous días, Alexandra Alonso (Vigo, 1985) achégase á parcela forestal da Comunidade de Montes de Coruxo, en Vigo, onde cultiva seta shitake. Mergulla os troncos de eucalipto na auga e recolle os cogomelos, unha produción duns cinco quilogramos á semana. «Conseguimos un alimento, nun ciclo pechado, sen xerar residuos e aproveitando os recursos do monte. Tras comprobar que si se pode cultivar shitake en eucalipto -existía a experiencia en troncos de carballo e castiñeiro- inoculamos o micelio nos troncos, selamos con cera de abella, agardamos un ano e despois dun choque térmico con auga fría, saen a setas».

Alonso ten un plan: reducir a presenza de eucalipto e converter o monte nun espazo que se pode gozar e saborear. É o bosque comestible. «Non se trata de encher o monte de aguacates. Imaxina un bosque no que hai carballos ou cerdeiras, pero tamén unha pereira, varias maceiras, unha viña, plantas aromáticas e melíferas para as abellas e as mal chamadas malas herbas que moitas son comestibles e medicinais». Este ciclo ten que sosterse por si mesmo, pero precisa dunha axuda inicial que, nesta comunidade de montes, se lle presta mellorando o rego co paso dun regato de auga.

O cultivo de seta shitake non forma parte, de momento, da parcela de bosque comestible que están poñendo en práctica pero tamén se podería integrar. «A idea é que os veciños poidan ir ao bosque comestible, poidan observar como implantar esta técnica nas súas fincas e xardíns, e tamén que o poidan copiar outras comunidades de montes. Non ten un obxectivo económico, aínda que se tes 20 hectáreas, si podes vender a produción, pero o noso obxectivo é crear un lugar que dea ese coñecemento aos veciños, que haxa encontros sociais e que poidan coller unha froita».

Alexandra, de nena, coa boina de seu pai
Alexandra, de nena, coa boina de seu pai

A relación homes-eucalipto

«De maneira tradicional, as mulleres foron moito ao monte a polo batume -conxunto de toxos e fentos para estrumar as cortes dos animais- pero dende que entrou a madeira no mercado o interese maioritario neste tipo de negocios é masculino». Así explica Alexandra Alonso a escasa presenza de mulleres nas directivas das comunidades de montes. A representación feminina no mundo forestal é aínda minoritaria; a maioría confórmana eles: bombeiros forestais, axentes ou capataces, case sempre homes. Tamén son menos as enxeñeiras agrónomas e forestais e, por suposto, as que toman decisións nas comunidades de montes veciñais.

Alonso forma parte dese pequeno grupo de xente nova que vén disposta a mudar usos e costumes no entorno forestal. Na comunidade de montes de Coruxo hai paridade, pero non é o habitual. «Nos mesmos estatutos da nosa comunidade, na última actualización de 1999, séguese falando de que para ser comuneiro ten que ser o ‘‘cabeza de familia’’ referíndose ao home, ou a muller co permiso deste, ou o que posúa a propiedade dos bens, que na meirande parte dos casos son os homes. Cando na realidade calquera persoa censada na parroquia pode ser comuneiro. Nós xa corriximos os estatutos e esperamos levalos a asemblea para a súa aprobación».

Logo están os horarios das reunións, que non facilitan a conciliación. Alonso pide ás mulleres que se impliquen nesta organización territorial galega procedente do dereito xermánico. «Hai unha entidade estatal que se chama iComunales que fixo unha proba nas reunións: cando falaban de aspectos económicos e de recursos, acudían máis homes, cando había actividades sociais e máis diversas, había máis mulleres. Non pode haber comunidade se non hai achegamento entre veciñas e veciños e compartir coñecementos», un labor historicamente feminino. Ademais de ser tesoureira da comunidade, Alonso creou un hábito: facer un pincho tralas reunións para que os veciños conversen.

Menta para a dor de cabeza

Experta en plantas medicinais e con formación en agroecoloxía e permacultura, Alonso confía na natureza e no seu efecto terapéutico. «A dor de cabeza, pode tratarse con menta silvestre, machucala cos dedos e fregala na sen, ou con aceite esencial de menta». O dente de león en infusión pode ser útil fronte ao cansazo ou a árnica para as dores musculares. «Non hai que ter medo ás plantas medicinais, pero hai que ter coidado e coñecelas. É un saber que tiñan as nosas avoas».

Nas comunidades de montes faltan mulleres, pero tamén xente nova. «Teño amigos que me din que non teñen tempo para estas cousas, pero cando perdemos a nosa responsabilidade co natural, estamos dándonos as costas a nós mesmos. Temos que volver mirar a nosa contorna e preguntarnos que hai no monte ao lado da nosa casa, quen o xestiona, que se fai e que se planta. Fan falla mentes abertas e ideas novas».

A súa canción

«Tempestades de Sal», de Sés. «Síntome identificada: vivo nun monte de area, cheo de brea. Cada vez temos menos terra fértil e máis area, temos que sacar a brea e o combustible do monte e axudar aos bosques autóctonos. Fai falla que se sume moita xente. Non é doado pero hai que facelo, con todo o amor do mundo».