«Sería guai que dixesen 'Vou falar galego como o grupo este que mola tanto'»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

ALBERTO LÓPEZ

Verto presentará no Festival Vive Nigrán o seu novo disco «Embora»

10 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O 16 e o 17 de xullo terá lugar o Festival Vive Nigrán dentro do circuíto Festivais Rías Baixas. No seu cartel está unha das principais referencias da música actual en Galicia. Verto chegará a esta cita coas canción do seu novo traballo, Embora. Verto son Alberto Mira, Berto, e Fernando Peleteiro, Fer.

-¿Como convenceu a Fer para chamarlle Verto ao grupo?

-Foi idea súa, porque entre Fer é Berto, entre o be e o efe vai a uve en galego que é un vogal fricativa. Un día ocorréusenos de coña e puxémoslle ese nome. Xurdiu, como o grupo, dunha coña.

-¿Están sorprendidos de que o grupo vaia a tanta velocidade?

-Non, como todos os grupos, empezamos ca idea de petalo, pero as nosas cancións imitan os estándares pop actuais. Esa era a idea, e cando a estábamos facendo críamos no noso traballo e viamos que si podiamos triunfar como o están facendo.

-¿Como definiría o disco Embora?

-Probablemente é o noso culmen como músicos.

-¿Cambiou algo o xeito de compoñer e enfrontarse a creación das canción respecto ao principio?

-Si, este disco é moito máis maduro porque Fer e máis eu nos coñecemos máis como compañeiros de traballo; xa tiñamos unha idea definida de como queriamos que fose o disco, e o estilo o tiñamos moi falado para unir as cancións entre si. Creamos o que é un proxecto un pouco máis serio e máis digno do que somos como músicos, nos representa máis.

-¿Como foi a idea musical dos inicios?

-As primeiras cancións si saíron dunha afinidade musical entre os dous, de tirar polo primeiro que saía. Cando fixemos Rebolando por ti, xusto antes de ir a casa de Fer, fixera unha melodía rítmica e cando cheguei a casa de Fer estaba facendo unha base de reguetón con ese mesmo ritmo da melodía que tiña feito eu. Son cousas moi máxicas. Os principios saíron do corazón de ambos, pero xa con Embora é todo máis falado e traballado, é nótase. Fíxose máis dende a racionalidade e o raciocinio e iso nótase, pero as cousas do principio eran máis máxicas.

-¿O título é unha declaración de principios, de ir cara diante?

-O principio pensamos en titulado como moitos discos dos oitenta do estilo The Very Best of Verto, pero cando fixemos a canción pensamos que resumía todo o espírito do disco, de querer estar guai despois dunha ruptura ou unha mala situación emocional. Define ben a temática do disco.

-¿Coinciden as súas influencias musicais?

-Non sei, conxeniamos ben a nivel persoal, pero escoitamos cousas bastante diferentes; hai afinidade e entendemento a hora de compoñer, máis alá de que teñamos gustos musicais afíns, aínda que temos artistas comúns que nos gustan moito; Fer é máis de rap e máis vaime máis o rollito r & b e a música disco.

-O tratamento das guitarras en moitas cancións amosa unha tendencia caro ao rock. ¿Terá percorrido esa liña en Verto?

-Esa é unha teima persoal miña porque quero que os sós de guitarra volvan ser populares, e Fer tamén lle mete sós de piano e de sintetizadores, pero non creo que sexa unha marca de futuro, aínda que hai elementos de rock no propio álbum. Ven porque tamén escoitamos moita música dos oitenta e moito blues.

-¿Como son directos de Verto?

-Moi divertidos, currados e ofrecemos máis do que a xente pode chegar a crer.

-¿Oie gayego é unha contestación contundente a certo menosprezo aos galegos que se ve nalgunhas zonas?

-Hai iso e tamén retranca. Cando estabamos facendo ese tema tiñamos a broma chamarnos así. Ten ese espírito de imitar un pouco a xente de fóra que fala dos clichés, pero non como o fai a música galega tradicional, en ton de protesta, senón rirnos deses clichés e empoderarnos co que somos. É para rirse da peña que cre nos clichés.

-¿Hai unha nova xeración de músicos en Galicia cunhas maneiras parecidas de velo todo?

-Temos en común a forma de entender a cultura galega; somos unha xeración de xente que superou os prexuízos e non temos que xustificarnos por cantar en galego. É un cambio cultural enorme, e o estamos facendo nós e outros grupos, coma Ortiga ou Baiuca. Falábamos o outro día co equipo do grupo que o seguinte paso tería que ser que o galego sexa unha moda e que mole. Estaría guai que os rapaces e os adolescentes dixesen vou falar galego como o grupo este que mola tanto.