Inma López Silva: «Hai que superar xa a fase de Otero Pedrayo»

VIGO

Oscar Vázquez

Advirte que os valores da cultura galega mudaron, aínda que segue a ser menos comercial que a española

25 may 2021 . Actualizado a las 00:37 h.

Filóloga por amor á literatura. Galega militante. De esquerdas por convicción. Feminista radical. Inma López Silva (Santiago, 1978) retrátase en cada xiro da conversa, ispe o seu pensamento cun sorriso. «Son unha muller feliz. Pódense atopar boas vivencias en calquera sitio».

Constrúe o seu presente investigando no seu pasado. A vida do avó Avelino é o labirinto no que ten metida a cabeza para a súa próxima obra, una novela ou ensaio de ficción persoal e familiar levantada sobre a figura dun home, un mestre que de sancionado polo franquismo pasou a ser alcalde nun salto que trata de desentrañar rompendo os silencios que tantas familias teñen deixado atrás.

Inma López Silva encadea á palabra literatura termos como paixón, pracer ou amor. Sénteos por ler, pero tamén por saber. Da filoloxía inicial, na que chegou ser doutora, reorientou a súa mirada cara a teoría da literatura. «Aí están as chaves para formar escritores», sente. Quizais por iso imparte agora Teoría do Teatro na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia en Vigo. Na procura das raíces semella pensar que está o valor do que lle apaixona. O teatro é outro dos canles polos que flúen as súas sensacións

Foi a pescudar no universo da escena en Nova York. «Boto de menos esa cidade todos os días, o estilo de vida dos americanos. Temos unha prevención ideolóxica cara Estados Unidos, pero a verdade é que teñen un sentido práctico da vida moi valioso», advirte. «Non teñen medo de non saber. Teñen as ferramentas e a inquedanza de aprender, non lles avergoña, o fan con normalidade».

Daquela etapa saíu o seu New York, New York, un diario ca banda sonora de Manhattan que contribuíu a dar forma o seu perfil literario.

Á volta daquela inmersión estadounidense comezou a súa faceta política partidaria. Para nada concorda ca máxima de que o nacionalismo cúrase viaxando. «Hai xente moi patán tremendamente viaxada. Mira a Trump! O sentido ao mundo dáse desde un lugar determinado, cunha visión propia», subliña para rexeitar que se poida equiparar nacionalismo e cerrazón, disposición que si ve en troques no localismo. «Non hai nada máis nacionalista que un madrileño convencido», acuña dende o seu pensamento de esquerdas cunha frase para dar que pensar.

Xa non milita en partido algún. Fíxoo en Compromiso por Galicia, cuxo nome tiña máis de declaración que de forza política, concede. «Son libre, non teño militancia partidaria. Quiteime», ri confesando que «non levo ben o da disciplina de partido. Calquera disciplina en xeral», segue a rir.

Non o fai ao falar das redes sociais, ás que compara cun bar. Algunha das súas intervencións teñen xerado furacáns a conta do racismo ou o feminismo. «O feminismo é como estar embarazada: o se está ou non se está, o se é ou non se é, e só sendo radical pódese ser feminista», entrelaza a súa posición de forma argumental. Entende ademais que a súa palestra de escritora, mestre e intelectual, obrígalle a marcar postura, por aquilo das referencias. Para ela o clic activouse a modo intenso o 8 de marzo de 2018, a data do cambio radical no movemento feminista, está convencida lembrando as manifestacións masivas de miles de mulleres que nunca saíran á rúa por motivo algún. 

O poder da cultura

López Silva foi recoñecida como escritora ben nova. Aos dezaoito anos recollía o primeiro dunha longa lista de galardóns. «Os premios son unha vía de acceso», entende, pero asegura que xa non os busca como facía para abrirse paso nos comezos da súa carreira. «Agora estou no sistema, que non no establishment, nin no poder da cultura galega», distingue. Ese poder cultural que algúns escritores e artistas describen coma un cenáculo, máis que pechado, Inma López Silva percíbeo como «pequeno» no caso de Galicia.

Pero tamén dá conta das vantaxes dunha literatura menos suxeita ao golpe de tambor do mercado no que ela conta que a guillotina para un libro cae aos dous ou tres meses de terse publicado. Se non tira, fóra! Outro título agarda sentencia. O éxito acádase agora con 3.000 exemplares vendidos en toda España porque non se le. «O lector galego é máis literario que o español», di tras ver as presións que moven as mareas nos andeis das librerías, sendo as ondas máis fortes canto máis comerciais son os títulos que van chegando. «Ao lector en galego móveo máis o pracer de ler, busca títulos concretos, déixase mover menos pola publicidade», radiografía no seu pensamento ao respecto.

Iso si, López Silva reivindica «que a cultura galega asuma un cambio xeracional, porque os valores cambiaron. Hai que superar xa a fase de Otero Pedrayo, aprender, por exemplo, do exotismo que ten acadado en Galicia o mundo cinematográfico», remata consciente de que tratar de mover os marcos da cultura é difícil e polémico, pero ela séntese libre, sen militancias máis que a do feminismo radical e de esquerdas.

en detalle

Primeiro traballo

Coma canguro para os fillos do actual secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo e Dolores Vilavedra. Pero foi de moi nova na literatura onde comecei a gañar cartos.

Viaxe especial

Tantos! Pero quédome cun a México, a Guanajuato, a un encontro de escritores. Pero seguro que virán máis.