Xela Arias retorna a Vigo dando voz ao seu ser máis radical, independente e feminista

Begoña Rodríguez Sotelino
Begoña R. Sotelino VIGO / LA VOZ

VIGO

A cidade na que viviu a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas acolleu hoxe o pleno extraordinario da Real Academia

18 may 2021 . Actualizado a las 01:26 h.

Vigo, a cidade que foi «o espazo creativo, emocional, familiar e profesional onde Xela Arias desenvolveu a meirande parte da súa vida», e donde naceu o Día das Letras Galegas, como lembrou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, acolleu o pleno extraordinario da Real Academia esta mañá luminosa e soalleira de festa das Letras Galegas de Xela. Unha das salas do Auditorio Mar de Vigo foi o escenario da especial cita que contou coa presenza da nai, Amparo Castaño, do seu fillo Darío e outros familiares nas cadeiras separadas pola distancia imposta pola pandemia xunto a representantes do mundo cultural, autoridades locais, polítcas e educativas e convidados como o presidente da Xunta, na mesa principal xunto a Freixanes e as académicas Margarita Ledo e Rosario Álvarez.  

O arranque foi sonoro. O seu derradeiro poemario, Intempériome, fundiuse coa voz de Mónica de Nut e a música de Pablo Carrera e Fernando Abreu, que traballara con ela un proxecto para esta obra cando a morte prematura a sorprendeu en novembro de 2003. O acto central do Día das Letras Galegas foi unha conmemoración que xirou arredor dos discursos que as escritoras a académicas Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas pronunciaron sobre a autora, marcados todos pola reivindicación da figura radical, rebelde, independente da vida verquida á obra de Xela Arias. 

Comezou Ana Romaní a súa intervención cos versos que Xela Arias dedicou a Rosalía de Castro nos que a poeta reivindicou o «dereito a rebentar», e convocou tamén a Luz Pozo Garza e Xohana Torres e falou nun discurso de marcado carácter feminista, de mulleres confinadas repetindo versos como aquel no que Arias di que «sendo muller aínda é ben difícil vivir nas nubes» reclamando que xa que a obra da homenaxeada «foi esculpida na árdua procura da independencia, debémonos a ese abismo da poética radical» que ela foi. Aínda máis atrevidas neste senso foron as verbas de Marilar Aleixandre, «Sangue e auga»: a voz da muller, a furia dos escualos é o título do discurso de Marilar Aleixandre, quen dixo que nos poemas de verdade hai sangue e auga, «como nos textos de mulleres que escriben sobre as penas das mulleres». «A auga nos poemas de Xela é a auga de fregar, as experiencias das mulleres. Nun mundo ideal, acadada a igualdade, talvez mulleres e homes escribiriamos igual. Neste mundo desigual na escrita das mulleres mestúranse a tinta, o sangue menstrual, a auga de fregar, experiencias atravesadas por seren mulleres, menstruación, embarazo, abortar, parir, aleitar, ou de forma máis enxebre dar a teta; partes da vida non literarias, inexistentes na literatura canónica masculina, e das que, segundo o canon, as mulleres tampouco deberían escribir; porén di Xela: «Eu só podo escribir desde muller, desde miope e desde galega», continuou.

 A académica tamén se referiu ao diálogo de Xela Arias con Rosalía e ao dereito das mulleres a «rebentar, a crebar as marxes, a non querermos ser inmaculadas nin melancólicas». A académica profundou na identificación de Xela Arias cos animais e a súa relación coa ollada feminista, de «voces alternativas que articulan a través da animalidade unha poderosa metáfora da emancipación, mais asemade o recoñecemento da vulnerabilidade compartida». E concluíu a intervención reivindicando a ledicia da rebeldía: «Hai ledicia en ser tigre, gata, centaura ou balea. Crear, di Xela, é inventa-lo mundo e mailas marxes do mundo. Crebar as marxes, inventar outras novas, abrazar a metralla, posuír a palabra de lume». 

Manuel Rivas pechou a quenda das alocucións cun discurso titulado A muller que camiña na liña do horizonte, no que valorou o interese de Xela Arias por aquilo que «fica fóra», en contraste cun tempo xa percibido por ela «en que unha das síndromes máis estendidas é o medo a «ficar fóra». Fóra da moda, da última novidade, do intre triunfal. «Mais a literatura non pode ter medo de ficar fóra. Pola contra, o que fica fóra é o seu foco de interese», advertiu. Rivas referiuse tamén a Denuncia do equilibrio, primeiro poemario de Arias, como un manifesto no que a autora se bota «fóra da orde do día» e «vén abanear o acomodado, vén habitar o excéntrico, vén producir desequilibrio»; e valorou o derradeiro, Intempériome, como «unha obra que leveda co tempo e que axiña se verá como un chanzo imprescindíbel nesa historia literaria alternativa que ela vía como unha escaleira de abrazos».

Antes do peche coa interpretación do Himno Galego, na despedida, Freixanes recordou tamén de forma especial a familia de Xela Arias, dando gracias á sua nai, Amparo, ao seu pai, Valentín, á Sarria natal da autora, onde a Academia estivo igualmente presente neste Ano Xela Arias apoiando distintas iniciativas arredor da súa figura. Que ía en serio.