A Real Academia terá o 17 de maio en Vigo o seu pleno extraordinario do Día das Letras

La Voz VIGO

VIGO

M.MORALEJO

O acto contará coa participación de Ana Romaní, Marina Aleixandre e Manuel Rivas

08 may 2021 . Actualizado a las 12:18 h.

Vigo acollerá o vindeiro 17 de maio o acto central do Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Xela Arias. O pleno extraordinario da institución contará coas voces de Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas. As académicas e o académico achegarán distintas olladas á autora, que tivo en boa medida a cidade de Vigo como epicentro. A palabra de Xela Arias estará tamén presente na actuación musical de Mónica de Nut, Pablo Carrera e Fernando Abreu, quen comezara a preparar coa escritora un espectáculo poético-musical pouco antes do seu pasamento.

 A cerimonia terá lugar no auditorio Mar de Vigo a partir das 13.00 horas. Debido ás medidas de prevención da covid-19, a capacidade da sala será reducida. O pleno poderá seguirse en directo dende a páxina web da RAG, academia.gal.

O pleno do 17 de maio constitúe o acto institucional central da Real Academia Galega arredor da celebración das Letras Galegas, pero a programación da entidade estenderase ao longo de todo o ano. Nesta edición, marcada como a anterior pola pandemia, o audiovisual cobrou forza. A RAG produciu Xela Arias. A palabra esgazada, a primeira serie documental sobre a personalidade á que homenaxea, e estreará este martes o sexto e último capítulo, centrado na pegada de Xela Arias nas novas xeracións. A proposta, realizada pola produtora Miramemira, pode verse en academia.gal e na canle de Youtube da RAG, onde tamén está dispoñible Xela Arias. Onde canta a poeta, trinta olladas á vida e á obra da autora en forma de micropezas. Nesta última serie intégrase a colaboración especial da violonchelista viguesa Margarida Mariño, que converteu en canción o poema que dá nome ao volume Tigres coma cabalos.

 Contidos para o público de todas as idades

A Real Academia Galega ofrece ademais recursos lúdicos e didácticos sobre Xela Arias creados para o público infantil a través da páxina web do proxecto Primavera das Letras (primaveradasletras.gal); e mantén tamén activa unha sección especial das Letras Galegas 2021 no Portal das Palabras, con xogos e outros recursos lexicográficos arredor do universo vital e literario da autora. As citas da palabra do día deste espazo beben ademais dende abril da obra de Xela Arias. A semana que vén sairán de Non te amola!, narración inspirada na súa infancia que permanecera inédita ata este ano.