A Universidade retoma hoxe a súa programación cultural coa Mostra de Teatro Miteu

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO

cedida

A representación de A emperadora, da Aula de Teatro Universitaria de Lugo, é ás 18.30 horas no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria

22 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Transcorrido máis dun ano da pandemia da covid-19, a Universidade de Vigo retoma esta semana a súa programación cultural e faino máis comprometida que nunca coa creación local e convencida de que, nestes momentos tan duros para o sector cultural, as institucións públicas deben dar un paso adiante na promoción e valorización da cultura galega. Baixo o lema Cultura Segura, o teatro e a música volven á Universidade de Vigo da man de dous dos seus grandes emblemas: a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Vigo, Miteu, que acada así a a súa XXIII edición, e o Festival Sonora, rebautizado como Sonora 2.1, xa que nesta ocasión o concerto contará cunha única actuación. A estrea da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Vigo, Miteu, será hoxe xoves, 22 de abril, coa representación de A emperadora, da Aula de Teatro Universitaria de Lugo, ás 18.30 horas no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria. 

para acudir ás representacións é necesario reservar a butaca enviando un correo electrónico a extensión@uvigo.gal ou a través do teléfono 986.813.626 ata as 13.00 horas do día da función. A capacidade do Teatro Vidal Bolaño está agora limitada a 49 butacas e, en cada función farase unha listaxe das persoas asistentes que se gardará durante un mes por se fose necesario localizar a alguén. 

A obra coa que se vai estrear a Miteu, A Emperadora,  de Carmen Conde, recrea a vida nunha aldea do rural profundo de Lugo que se ve alterada pola morte dunha das súas veciñas e o seu velorio, ao que se achegan xentes de toda a comarca para darlle a despedida.

O regreso da música ao campus será o 5 de maio ás 18.00 horas, tamén no Vidal Bolaño, co Festival Sonora 2.1, unha tarde de música que estará protagonizada por Laura LaMontagne e Pico Amperio, dúo que oscila entre a tradición galego-portuguesa das cantigas de amigo, ritmos electrónicos e ambientes íntimos. Neste caso o espectáculo formúlase a modo de concerto hip hop, cun DJ Set e espazo para a intérprete. Será unha actuación na que se mesturarán voz, samplers, bases, scrath e loops en directo. Totalmente de balde, ao igual que na Miteu é necesaria reserva previa ?no mesmo enderezo electrónico ou número de teléfono.