O Marco recupera a voz de Xela Arias

VIGO

M.Moralejo

Fernando Abreu, Mónica de Nut, Pablo Carrera e Roi Fernández mostrarán o sábado e o domingo o proxecto Vencerse é cousa de se tratar

08 may 2021 . Actualizado a las 12:16 h.

A elección de Xela Arias como a figura literaria homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas permite descobrir as múltiples caras creativas da poeta nada en Sarria. Agora tócalle a súa voz a través do proxecto Vencerse é cousa de se tratar. É unha iniciativa do músico Fernando Abreu que vai ser mostrada en público mañá e o domingo no salón de actos do Marco. «Isto é rematar algo que comezou no ano 2003, cando Xela ía presentar o seu poemario Intempériome», sitúa a orixe do proxecto Fernando Abreu. A idea era mesturar a poesía e a música dende unha perspectiva contemporánea con espazo á improvisación. A morte de Xela Arias impediu entón a materialización daquela idea. Si deixou Xela Arias a súa voz grabada tras pedirlle Abreu que o fixese para que el tivese unha idea do seu ritmo e emoción durante a recitacion. «Cos anos e a experiencia, agora si comprendo mellor a súa poesía e chega o momento de expoñer o proxecto», apunta o músico vigués.

Sobre o escenario do Marco, os poucos afortunados que poidan reservar entrada, poderán ver a Fernando Abreu acompañado polo guitarrista Pablo Carrera, a cantante Mónica de Nut e Roi Fernández, quen creará cine en directo.«É o que puido ser pero con 18 anos de experiencia e unha proposta escénica que pode ser levada aos teatros», sinala o autor do proxecto.

As dúas sesións se desenvolverán a partir das 19.30 horas o sábado 17 e o domingo 18 de abril. É necesario facer reserva debido a limitación do aforo do espazo do Marco.

Durante a presentación do proxecto, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, cualificou o mesmo coma unha transgresión total e unha ruptura do espazo tempo. «Van trazar unha liña continua dende o 2003 ao 2021, entendendo a arte dende a emanación da espontaneidade», sinalou Caballero. Tamén estivo na presentación Dario Gil, fillo de Xela Arias, que recoñeceu que será moi emotivo escoitar a voz da súa nai. «Esta proposta é honesta coa visión que tiña a miña nai da confluencia das distintas artes», afirmou.