A Gala Provincial do Turismo da Deputación renderá mañá homenaxe aos mellores chefs das Rías Baixas

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO

Oscar Vázquez

A actriz Celia Freijeiro, que presentará o evento, protagoniza o vídeo da campaña turística que ven de ser premiado en Berlín

23 mar 2021 . Actualizado a las 19:36 h.

O auditorio Mar de Vigo acolle hoxe ás 20.00 horas a Gala Provincial do Turismo da Deputación de Pontevedra tralo parón de 2020 pola pandemia. No evento de acceso restrinxido e limtacións estrictas de aforo que se emite por streaming, a Deputación fará entrega dos diplomas do selo de calidade do SICTED aos representantes de 136 empresas privadas e entidades públicas do sector turístico da provincia. O acto estará conducido pola actriz viguesa Celia Freijeiro, intérprete de “Vida Perfecta”, serie premiada no Festival de Series de Cannes, que xa protagonizara o vídeo oficial de “Sigue o teu instinto”, a campaña turística da Deputación en 2020. A campaña deste ano, “Momentos Rías Baixas”, será o fío condutor da Gala. “Será unha viaxe pola provincia, os bosques e rías, castelos, gastronomía, cultura, festas e Camiño de Santiago, e xirará en torno a momentos: un atardecer, un paseo pola natureza, unha visitas ás Cíes, ou unha experiencia gastronómica nun dos nosos restaurantes con Estrela Michelin”, subliñara a presidenta da Deputación, Carmela Silva, na presentación do evento.

Na cita proxectarase o vídeo de “Sigue o teu instinto” adaptado para os festivais internacionais aos que se presentará, e un vídeo de “Momentos Rías Baixas” protagonizado por persoas do sector. Ademais anunciaranse os gañadores e gañadoras do primeiro concurso “Momentos Rías Baixas”, que recibiu máis de mil imaxes. “Será un gran espectáculo para facerlles unha homenaxe a todas as persoas que contribúen a facer provincia e teñen sufrido moi especialmente as consecuencias da crise pola pandemia”, anunciou a presidenta.

Tamén estarán presentes os chefs Pepe Solla (Casa Solla, en Poio), Rafa Centeno (Maruja Limón, Vigo), Alberto González Prelcic (Silabario, Vigo) e Iñaki Bretal (O Eirado da Leña, Pontevedra), Javier Olleros (de Culler de Pau, O Grove, restaurante que acadou dúas estrelas e que codirixe Amaranta Rodríguez), Pepe Vieira (do establecemento que leva o seu nome en Poio), Inés Abril (de Maruja Limón xunto a Centeno) e Yayo Daporta (do restaurante co seu nome, en Cambados). "Os chefs dos sete restaurantes con estrela da provincia serán os nosos Embaixadores Rías Baixas 2021”, lembrou Carmela Silva. Os cociñeiros recibirán durante a gala como recoñecemento unha peza de artesanía creada por Ana Tenorio, premio Artesanía de Galicia 2018, e inspirada na camelia das Rías Baixas.  O evento poderá seguirse en streaming na páxina web da Deputación de Pontevedra e a través das redes sociais.

Premio para o audiovisual da Deputación en Berlín 

Casualmente, a Deputación de Pontevedra vén de coñecer onte que o audiovisual “Sigue o teu instinto”, producido por Esmerarte, foi elixido polo xurado internacional dos premios “The Golden City Gate”, que se entregan dende fai 21 anos en Berlín, como un dos mellores vídeos de ecoturismo do mundo. Así, a peza coa que a Deputación promoveu o destino provincia de Pontevedra durante o 2020, acada o seu primeiro galardón internacional seguindo a estela de “Fame de experiencias”, que tamén foi premiada en Berlín e suma xa 14 distintivos arredor do mundo.

“Sigue o teu instinto” competiu con outras 122 películas de 23 países que foron avaliadas polo xurado internacional dos premios “The Golden City Gate”. Entre as cuestións que valorou positivamente do vídeo da institución provincial destacan a súa realización audiovisual e acústica, os efectos emocionais, a narración da historia, a innovación e o deseño creativo. Amais, e no marco da categoría “ecoturismo” na que a Deputación acadou o premio de prata, o xurado enxalzou a súa aposta polo turismo verde, saudable e sustentable e polo patrimonio natural da provincia de Pontevedra.

O vídeo promocional da institución provincial, de carácter intimista e protagonizado pola actriz Celia Freijeiro, céntrase en aspectos relacionados coa natureza, o turismo de benestar, a sustentabilidade e o medio ambiente, en liña coa aposta da Deputación polos ODS e a Axenda 2030. “Sigue o teu instinto” recolle tamén cuestións relacionadas co respecto aos animais e á fauna, a acción ecolóxica cidadá e institucional, e a oferta de turismo rural, activo e de aventura na provincia de Pontevedra.

Os premios “Golden City Gate” entregan anualmente tres galardóns (ouro, prata e bronce) en cada unha das súas 18 categorías nunha gala enmarcada na feira ITB de Berlín, un dos eventos do sector turístico máis importantes do mundo. Ao longo dos seus 21 anos de traxectoria participaron xa 1.939 vídeos de ata 99 países. “Fame de experiencias”, o audiovisual promocional da Deputación lanzado no 2019, conseguiu un “Golden City Gate” o pasado ano. Xunto a este galardón, tamén sumou outros 13 en festivais internacionais de turismo como os de Kioto, Nova York, Turquía, Bulgaria, Letonia, Los Ángeles, Serbia, Grecia, Portugal, Croacia e Viena.