«Teño confianza 100 % en que os Xogos Olímpicos se van celebrar»

x.r.c. VIGO

VIGO

XOAN CARLOS GIL

O vigués Nico Rodríguez considera que o equipo está no camiño dunha medalla olímpica

28 ene 2021 . Actualizado a las 22:49 h.

Nicolás Rodríguez García-Paz (Vigo, 1991) no puido comezar mellor a conta atrás do ano olímpico, gañando todas as regatas en Lanzarote e confirmando que están no camiño axeitado para subir ó podio en Toquio. Nico non ten ningunha dúbida de que se celebrarán os Xogos e a seis meses están preparados, cunha mellora integral no equipo olímpico do 470 español que comparte con Jordi Xammar. Será a última cita olímpica da clase antes de converterse en mixta.

-Primeira regata do ano e triunfo en Lanzarote.

-Levamos tres meses moi produtivos. Estamos moi contentos coa dinámica do equipo, co camiño elixido e temos moi boas sensacións. Gañamos as tres competicións que fixemos alí con rivais de moi bo nivel, con xente coa que estamos a adestrar, co equipo sueco, por exemplo. Estamos confirmando que somos competitivos en todos os ventos e en competicións moi distintas, creo que significa que seguimos a medrar como equipo e acumulamos experiencia.

-Como levan o ano?

-Con moita incerteza. De feito, acaban de dicir que Portugal pecha fronteiras e a idea é ir o luns para alí porque temos o Campionato do Mundo en Vila Moura e a semana pasada dixeron que seguía en pé porque as competicións ao aire libre están permitidas, pero temos que ver. Xa sabemos que este vai ser un ano de improvisación.

-En teoría, como o teñen planificado?

-En teoría, a idea é ir adestrar agora un mes a Vila Moura, onde sería o mundial no mes de marzo, e despois está no aire o Trofeo Princesa Sofía en Palma, porque non se sabe se o van a facer. Logo o plan é ir a Francia, onde temos unha proba do circuíto europeo e o Campionato de Europa na primeira semana de maio e a continuación, se todo vai ben, ir xa para Xapón.

-Confía en que se celebren os Xogos este 2021?

-Teño confianza 100 % en que os Xogos Olímpicos se van celebrar. Creo que iso é o máis clave, haberá unha organización brutal con moita xente detrás disto, pero vexo máis complicadas esas competicións máis menores. Cos Xogos teño moita confianza despois do que pasou a semana pasada, porque saíu xente moi importante a confirmar que van adiante. Nós temos que traballar pensando niso.

-Canto tempo estiveron parados?

-Creo que estivemos dende xaneiro a novembro do ano 20. As competicións de outubro canceláronse e volvemos en novembro.

-E nese tempo, que aproveitaron para facer?

-Estivemos a traballar un pouco de todo para ser un equipo máis completo. Traballamos moito na comunicación, no físico, na técnica, que é moi importante para saber adaptarte a todos os medios e condicións de vento, onda e demais. As variables poden cambiar moi rápido e a técnica pasa a ser algo moi principal. Tamén traballamos no material e estamos decidindo agora o que imos mandar a Xapón. Seguimos probando cousas e a verdade é que estamos moi ledos cos resultados que estamos acadando, pero sempre pensamos que hai marxe de mellora.

-Que saben dos neozelandeses, os seus grandes rivais?

-A verdade é que pouco. Os de Oceanía están vendo se o Campionato do Mundo se fai ou non, creo que non están moito polo labor, e está todo un pouco no aire. Non sabemos o nivel que teñen, só que están a adestrar sós e cremos que iso é un punto a o noso favor, pero como non está nas nosas mans, o importante é adestrar nós e chegar fortes ás seguintes competicións e poder medirnos para saber onde podemos estar.

-É este ó último ano do equipo?

-A priori parece que si, o 470 masculino deixa de ser unha categoría olímpica e pasa a ser mixto logo dos Xogos de Toquio e haberá que abrir a caixa de Pandora e ver que facemos. Agora mesmo, o único obxectivo é unha medalla en Toquio e logo xa se verá, porque unha medalla alí pódeche abrir moitas portas. O futuro son os próximos seis meses, xa teño bastante con iso.