«Come a comarca» mide o talento culinario do Baixo Miño e do Deza

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO

cedida

Os cociñeiros de Alimentación Alonso e Paradores representan a Tui

29 dic 2020 . Actualizado a las 21:30 h.

O concurso gastronómico da Televisión de Galicia chega na súa terceira entrega por primeira vez esta temporada á provincia de Pontevedra. Os espectadores asistirán unha semana máis a un novo enfrontamento entre dúas das 16 comarcas galegas que participan no torneo. Desta volta serán os equipos do Deza e do Baixo Miño os que tentarán seguir adiante nunha competición na que está en xogo para os cinco profesionais dos fogóns non só o prestixio de deixar quedar ben os seus territorios: quen chegue a final gañará 5.000 euros e a comarca vencedora da final farase con 15.000.

Fran Cañotas, presentador do espazo, percorrerá as comarcas cunha dobre motivación: facer país amosando a súa riqueza gastronómica e sumar, de paso, aos mellores expoñentes da súa riqueza culinaria. Así, a ruta inclúe no Deza unha visita ao Restaurante Cabanas, referencia no que se refire á elaboración de cocido en Lalín; e haberá parada tamén en Kalekói, unha aposta pola artesanía no mundo do iogur. Xa no Baixo Miño, a aventura de dar con cociñeiros que cumpran alto nivel de esixencia do concurso, achégase en Tui a Alimentación Alonso, o establecemento de alimentación máis antigo de toda Galicia; ou o Parador da mesma localidade, un edificio espectacular con vistas privilexiadas e con pratos acordes a súa sona.

Formaciones

Conformados os equipos comarcais, a praza da Ferraría de Pontevedra será o campo neutral que asistirá a unha batalla épica. O equipo do Deza estará capitaneado por Alejandro Iglesias, do Restaurante Cabanas. Xunto a el competirán Belén Castro de Casa Castro (Vila de Cruces), Alba Varela de Casa Achacán (Rodeiro), David Puga e Pablo Jordedo. No outro bando temos ao equipo do Baixo Miño, liderado por Miguel Rodríguez, xefe de cociña do Parador de Tui. Acompañado por Raquel Alonso de Cociñarte (Tui), o reposteiro Carlos Fariña, Judicael Romero e Alba Mier.

Terán que elaborar o menú que presenten os xefes de salgados e doces do programa, Gerson Iglesias e Manuel Garea. E sobre todo, convencer a un xurado composto por 15 expertos en gastronomía, que probarán as súas elaboracións nunha cata a cegas. Quen acadará o pase á seguinte rolda? Descóbreo este mércores na Galega.