«A lectura fainos moito máis felices»

Ten unha paixón natural polos libros e garda un bo recordo da súa etapa de contacontos nas escolas


pontevedra / la voz

Traballou como recadeiro en Odilo, unha tenda de moda do centro de Vigo, pero tamén pasou por La Metalúrgica e foi pinche de cociña en Suíza antes de entrar en Xerais, onde exerceu de comercial e contaba contos nas escolas

Leu dende neno, pero achegouse á literatura galega da man de «Longa noite de pedra», de Celso Emilio Ferreiro, e «Informe sobre a lingua galega», de Alonso Montero

Xosé Ballesteros é un gran conversador. A paixón polos libros é tan grande que non podería entender a súa vida sen estar rodeada deles. E é así dende ben neno, cando na súa familia numerosa era a tía Mela a que lle daba ese obxecto máxico en forma de conto que lle abría a mente e o aproximaba con paso firme a unha vida cada vez máis feliz. «Era como a figura do donante que nas historias sempre entrega algo que te vai salvar», lembra Ballesteros, que sendo aínda un rapaz de 14 anos repartía os cartos que gañaba como recadeiro en Odilo, unha tenda de moda de Vigo, entre axudar a súa familia de sete irmáns e comprar libros. «Cos cartos que gañei fíxenme socio do Círculo de Lectores», sinala o editor de Kalandraka, a principal editorial galega de literatura infantil, que a día de hoxe exporta fóra das fronteiras da comunidade o 80 % dos libros que editan. Isto son estatísticas dunha paixón na que se embarcou nos últimos anos da década dos noventa da man de Manuela Rodríguez, unha profesora de primaria e de expresión artística que se converteu na súa socia na editorial e na vida. Kalandraka era o nome do grupo de teatro no que estaban.

Pero moito antes diso, Xosé non se poderá esquecer o que pasou pola súa cabeza cando sendo mozo descubriu na biblioteca de Vigo Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro, e Informe sobre a lingua galega, de Xesús Alonso Montero. Creceu nunha familia do Calvario no que o castelán era a lingua empregada, así que aproximarse á literatura galega abriulle unha nova ventá que nunca máis volveu pechar. Se acaso, a fixo máis grande.

Despois dunha vida de trotamundos na que percorreu distintos oficios, incluso chegou a traballar nos setenta en La Metalúrgica de Vigo, onde entrou en contacto co movemento obreiro, ou ser pinche de cociña nun restaurante italiano de Suíza, Ballesteros abriu en Vigo o pub Rosalinda, mentres seguía cultivando a súa paixón pola literatura. «Cando me aburrín de que a barba me cheirara a tabaco de estar no pub, lin no periódico que buscaban comerciais para Xerais», explica. Foi ata alí e fixo a entrevista. «Recordo que días despois veu Xesús Franco a buscarme a Rosalinda. En Xerais aprendín moitísimo, empecei a ir ás escolas a contar contos aos nenos», rememora Ballesteros, que ten unha anécdota sobre esa etapa que aínda lle saca un sorriso: «Cheguei ao colexio de Campolongo e había un montón de nenos sentados nas súas cadeiras e a mestra lle dixo ‘agora tedes que estar moi atentos que este home vai contar un conto’. Eu lle dixen que o primeiro era sacar esas cadeiras para que todos sentaran no chan. Fun dos pioneiros en ir aos colexios». E polas súas verbas, tamén foi unha das etapas máis gratificantes da súa vida. «Era a maxia das palabras, ti, o libro e os nenos, quen te entrega libros te da amor», conclúe. Foi nesa época, despois de dez anos en Xerais, cando Xosé e Manuela deciden botar a andar Kalandraka para cubrir un espazo «que críamos que estaba baleiro», recoñece. Tras algo menos de dous anos e co éxito de O coelliño branco, premio nacional de ilustración en 1999, grazas ao traballo de Óscar Vilán e Ballesteros, empezaron a traducir os libros a outras linguas. «Tiñamos medo de que o castelán se comese ao galego e non pasou. Agora somos a editora que máis factura de Galicia», asegura Xosé, que reflexiona: «nunca soñei con ser editor, pero a lectura fainos máis felices. Isto é unha certeza».

Xosé Ballesteros é por encima de todo un gran lector, pero ademais licenciouse en Filosofía pola UNED e nunca deixou de formarse. «Hai que facelo, sexa na Universidade ou de forma paralela», comenta este editor, que tamén foi xurado dos Premios Princesa de Asturias das letras e é presidente da Asociación Galega de Editores.

É difícil que se poida quedar con algún dos libros que edita, pero se tivera que escoller algún, como bo editor, recomenda o catálogo que reúne toda as obras, aínda que A que sabe a lúa ou a colección Bata, adicada a nenos con necesidades especiais, teñen oco xunto con O coelliño branco. Antes de despedirse Xosé anima a ler dende ben novos para asentar os piares que sustenten toda a vida dunha persoa. «Sempre lle digo ao alcalde de Pontevedra que a cada neno habería que regalarlle ao nacer o carné da biblioteca e un conto», explica o editor rodeado de libros para nenos e xunto a unha figura do coelliño branco que vive na entrada dunha editorial onde hai dúas décadas que se propuxeron entrar na imaxinación dos nenos con libros de tapa dura, cheos de ilustracións en cor e en galego, «aínda que o importante é ler, sexa no idioma que sexa».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«A lectura fainos moito máis felices»