«Temos que desenvolver o noso traballo coma outro calquera»

x. r. c. VIGO / LA VOZ

VIGO

cedida

O ciclista, que destaca as normas no pelotón, pasou tres controis en dez días

27 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Delio Fernández Cruz (Moaña, 1986) non para. O ciclista profesional do Nippo Delko Marsella de categoría UCI Pro Team leva catro probas nas últimas semanas e hoxe mesmo viaxa a Italia para dúas clásicas. O moañés fala dos controis (pasou tres en menos de dez días), das medidas de seguridade do ciclismo e da necesidade de que lles deixen facer o seu traballo. No deportivo, está asinando unha boa tempada como home de peso na estrutura do equipo francés.

-O ciclismo non para nas últimas datas.

-Con isto da reprogramación de moitas probas, a verdade é que andamos un pouco saturados.

-Nas viaxes e nas concentracións hai máis precaucións?

-As viaxes son como para calquera outro viaxeiro, nada esaxerado. Nós si que temos logo unhas medidas fortes, porque pasamos entre un e dous test PCR por proba, segundo sexa a categoría da carreira, xa que teñen protocolos diferentes.

-E vostedes a nivel persoal?

-Nós xa tiñamos certas precaucións no tema da desinfección de mans para non coller ningún tipo de virus, pero agora temos máis. Dentro do equipo facemos coma unha burbulla e non nos relacionamos máis que en carreira cos outros corredores. O público si que non se achega nin nos deixan agasallar o típico bidón logo das etapas nin asinar autógrafos. E logo, á mínima sospeita dentro do ciclismo, estase aplicando un protocolo de illamento.

-E entre o equipo?

-Entre nós relacionámonos, e tamén co staff, pero si que é verdade que mantemos un pouco máis as distancias. No autobús, que é o noso vestiario, pois si que estamos en contacto, pero tanto ciclistas como staff pasamos todos os test.

-Confía en que ano que vén sexa máis normal?

-Oxalá, pero creo que imos ter isto. para rato. Con certas medidas, temos que intentar desenvolver o noso traballo coma outro calquera.

-Semella unha cousa boa que haxa deportes que dean o paso.

-O ciclismo profesional internacional é un deporte importante que move diñeiro. Hai patrocinadores, hai televisión e son as probas máis importantes as que teñen máis posibilidades de seguir adiante. A dificultade creo que está nas probas máis pequenas e nos deportes que dependen dunha participación masiva. Nós ó final somos 150 participantes en cada carreira e é un pouco máis fácil de controlar. No mundo do ciclismo non é o mesmo unha proba amateur que unha proba profesional que ten outros recursos e mesmo os equipos máis grandes temos máis recursos, por exemplo, podémonos costear as probas PCR que teñen un custe altísimo que o equipo está asumindo semanalmente, porque eu en menos de dez días pasei tres.

-Isto pode afectar ao tecido do ciclismo base?

-Eu creo que pode afectar ao deporte base en xeral. Hai temor, a xente para evitar problemas suspende eventos. Por contra, o ciclismo cicloturista, que se pode facer de xeito individual ou en pequenos grupos, si que está habendo un auxe importante e estase notando nas tendas, que se están quedando sen bicicletas. Para o deporte base está un pouco máis complicado o tema á hora de competir.

«O rendemento é bo, pero temos corredores con máis opcións e toca axudar»

A nivel deportivo, Delio estase comportando por enriba de todo coma un home de equipo, un veterano que tira de experiencia para colocar ós primeiros espadas. Aínda así, estivo moi preto de levars triunfos nos esprints especiais e na montaña no Tour de Limousin, onde máis deixou ver.

—Que tal a tempada a nivel deportivo?

—Ao principio de ano viña dunha operación de ombreiro, fixen moito rodillo e cando levaba só cinco semanas adestrando fun a Taiwán, volvín e xa nos confinaron. A tempada está sendo curta a nivel competitiva pero sí que está sendo bastante dura. Eu agora veño de facer Burgos, Getxo, Limousin e o martes Plouay. O rendemento está sendo bo, pero no equipo estamos a ter a corredores con máis opcións e entón toca axudar. Son un dos veteranos dentro do equipo quero aportar a miña experiencia e o meu traballo para que eles poidan desenvolver todo o seu potencial.

—En Limousin estivo moi ben a nivel individual.

—Foi algo que veu dado polas circunstancias. Estiven metido en dúas escapadas en dous días diferentes veu o tema da montaña e nos esprints especiais e quedei segundo nas dúas clasificacións por poucos puntos.

—E agora como ten o resto da tempada?

—Voume hoxe para Italia e vou facer dúas clásicas: Marco Pantani e Coppi e Bartolli cun día de descanso polo medio e logo teño que concretar o resto do calendario porque estamos con moitos cambios, carreiras que entran e saen, igual cos corredores, hai bastante incerteza nese sentido.