«Foi un sentimento de felicidade, de volver facer o que me gusta»

x.r.c. VIGO

VIGO

cedida

Susana Rodríguez Gacio volveu a competir con triunfo no nacional de paratriatlón en modalidade esprint

25 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Susana Rodríguez Gacio volveu á competición proclamándose campioa de España de paratriatlón na categoría PTSVI na modalidade esprint. Para a viguesa, a volta foi unha sensación de felicidade e pensa que o Nacional de Pontevedra é o inicio da conta atrás para estar en Toquio dentro dun ano se a situación o permite.

-Como foi a volta á competición?

-O sentimento principal é de felicidade, de volver facer o que me gusta e para o que adestro todos os días. En todos os meses que pasaron, nin durante a pandemia, non houbo un só día no que deixase de adestrar.

-Que significa para vostede volver competir?

-Retomar o camiño cara a Toquio, que parece que quedaba parada porque non competía dende febreiro en Abu Dabi nunha proba popular. Estou como contenta porque tiven unha serie de problemas de saúde nos últimos meses e tiven que facer algunhas adaptacións para poder seguir adestrando e competindo e todo vai ben. Dedico a miña volta á competición ós meus compañeiros no CHUS, a doutora Álvarez Barredo e o doutor García Seara, que teñen moito que ver en que estea de volta na liña de saída nas mellores condicións.

-Que tal os protocolos e as novas normas?

-Moi ben, creo que estiveron á altura, pero para min neste tipo de eventos o principal risco non é a competición en si, senón a responsabilidade das persoas fóra do terreo de xogo.

-Tivo sensación de normalidade?

-A medias, porque nin correr en formato contrarreloxo nin nada do que estamos a vivir é normalidade por moito que llo queiramos chamar, pero estivo todo moi ben e a sensación de competir, que se botaba moito de menos, é a mesma. Foi un acerto.

-Cales foron as sensacións de competir logo de tanto tempo?

-Resposta galega: ‘A medias'. En canto ós tempos de ciclismo e de carreira a pé estiveron bastante ben dentro do que se podía esperar dadas as circunstancias e a natación foi o que máis me custou e tamén o que peor me saíu. Estou contenta coa proba porque tampouco tiña unha obxectivo fixo, creo que era moi impredecible o que podía acontecer en canto a rendemento persoal.

-Como enfoca o resto do ano?

-Estamos un pouco pendentes de se as probas se van celebrar ou non. A nivel internacional, só queda no calendario unha proba en Portugal en outubro e a idea é participar nela para facer algo de competición internacional aínda que o ránkings están en stand by. A idea é participar e logo descansar para afrontar a vindeira tempada, que esperemos que sexa normal.