Rita Míguez: «Miña nai levou un desgusto cando empecei a traballar de mariscadora»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO

XOAN CARLOS GIL

Ía para informática pero o mar cautivouna, agora preside a Asociación Nacional de Mujeres de la Pesca e sae cada día a faenar en Arcade; «o mar engancha e tira de ti»

18 jul 2020 . Actualizado a las 23:09 h.

«Nunca pasei máis de tres días lonxe do mar», así describe Rita Míguez (Redondela, 1973) a súa paixón por un medio que descubriu hai quince anos grazas á súa sogra, histórica presidenta das mariscadoras de Arcade. Rita foi un día a probar con ela e xa non quixo deixalo. «Na miña familia ninguén se dedicaba ao mar. Pero vin á miña sogra, vin que tiña tempo libre para os seus fillos e decidín probar. Ao principio a miña decisión non lle agradou á miña familia, miña nai levou un desgusto tremendo. Pero a min gustoume dende o primeiro día». Míguez acababa de rematar os estudos de técnica informática e tiña pensado matricularse en Informática de Xestión en Ourense, esa matrícula nunca se cursou, a súa ficha académica foi substituída polo permiso de marisqueo que aínda ostenta.

Rita Míguez preside a Asociación Nacional de Mujeres de la Pesca (Anmupesca). A obsesión desta directiva é conseguir a unión do sector para poder loitar pola mellora de dereitos das que se dedican a esta profesión. O marisqueo a pé segue sendo un traballo feminino nun 70 %, mentres que o marisqueo a flote é principalmente unha tarefa de homes. Para eles a xubilación chega antes que para as mulleres que traballan sobre a area. Eles teñen un coeficiente redutor dun 0,15 por mariscar nas embarcacións, e elas dun 0,10. «Estamos a pelexar pola equiparación dos coeficientes. Non é de recibo. Nós paramos as ondas unicamente co noso corpo, merecemos un coeficiente igual ca eles».

Este redutor permite acceder á xubilación aos 63 anos, demasiado tarde, cre Míguez. «Con 63 anos custa ir ao mar. Ás compañeiras desa idade, o resto das mariscadoras lles botamos unha man pero a xente de antes está feita doutra pasta, queren coller elas a súa cota. O mar engancha de tal maneira que te obriga a traballar, tira de ti. Hai moito compañeirismo. Tamén nos pasou o mesmo con compañeiras que volveron ao mar durante a recuperación dun cancro de mama».

É un traballo duro, pero fermoso, segundo quen foi tamén patroa maior de Arcade. «Cando es novo non o notas tanto pero cos anos custa máis. Nos invernos, temos compañeiras que teñen que marchar para casa con hipotermia e que tardan varios días en recuperarse. No verán temos chegado a anular días por medo ás vagas de calor». Un oficio escravo das inclemencias do tempo pero que resulta aditivo polo contacto cunha natureza que atrapa. «Cando che caen milleiros de gotas, cando che cae un ballón, tormentas, ondadas… Ver como o mar che dá o que precisas... Non é fácil de explicar. Son unha afortunada de traballar nun oficio tan bonito, pero tamén se non che gusta é tremendo».

De maior, mariscadora

¿Chegará un día en que escoitemos dicir a nenas ou nenos que de maior queren ser mariscadoras? Rita Míguez responde: «A min gustaríame poder dicir que queres ser mariscadora porque tes un salario digno, podes vivir da túa profesión e podes manter á túa familia. Iso é o que nos falta». Ser mariscadora implica cargar a diario cuns 18 quilos: 16 de produto máis dous de peso da ferramenta. A extracción de ameixa e berberecho segue a ser un traballo artesanal e rudimentario. O encanto do auténtico mestúrase, neste caso, coa falta de tecnoloxía. Non hai maquinaria para facer máis levadío un traballo que é maioritariamente feminino e que apenas mudou nas últimas décadas. «Seguimos traballando con aparellos das nosas avoas ou tataravoas... Temos que sementar a man, temos que cavar manualmente ata seis campos de fútbol. Temos que recoller as algas e acabamos facendo un típico palleiro porque non temos como sacar estas algas para fóra. Precisamos un barco que nos are, que nos recolla, que limpe o terreo... Buscamos noutros países pero non atopamos nada».

Unha loita europea

Rita Míguez entrevistouse en Bruxelas no mes xaneiro con outros colectivos de mulleres do sector do mar en Europa. O encontro serviu para descubrir que as desigualdades no sector non entenden de fronteiras. «Moitas mulleres doutros países están aínda en fases iniciais desta loita e teñen que pelexar tamén contra a invisibilidade. Hai armadoras que están en segundo plano e queren o seu labor se vexa.

En Europa en xeral hai poucas mulleres nos órganos de xestión. Falta tamén o recoñecemento das enfermidades profesionais». Non nega certas resistencias masculinas pero defende unha loita común, un discurso que convenza e que demostre que a igualdade no sector é boa para homes e mulleres. «Vimos a sumar e todos temos que unir forzas. Todos queremos o mellor para todos», explica mentres defende a necesidade de aumentar a autoestima e a protección das compañeiras. «Temos que seguir traballando polo empoderamento. Sempre se fala de confrarías de pescadores, non de pescadoras, e moitas veces somos maioría».

Su canción

«No dudaría», de Antonio Flores. «A canción fala de “Si pudiera”. Se eu puidese cambiaría tantas cousas... É unha canción que che chega ao corazón e á mente. Me gustaría que algunha xente recapacitara e se unira para mellorar un sector no que estamos loitando tódolos días. Sempre estamos aí ao pé do canón».