«As últimas dúas semanas fóra da auga empezaba a morder as uñas»

x.r.c. VIGO

VIGO

XOAN CARLOS GIL

Nico Rodríguez foi o primeiro en volver á auga en Santander con Jordi Xammar, levou ben o confinamento ata que empezaron os rivais

04 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nicolás Rodríguez García-Paz (Vigo, 1991) xa está de volta no centro de alto rendemento de vela en Santander logo de pasar unha crise do covid-19 moi viaxeira: comezou en Mallorca, pasou por Santander, confinouse en Madrid e agora foi o primeiro, co seu compañeiro da clase 470, Jordi Xammar, en botarse á auga. Para recuperar sensacións, quitar o óxido, centrarse na mellora técnica e empezar a conta atrás para os Xogos de Toquio, adiados ata o 2021.

-Que tal a volta?

-É volver ao traballo, tivemos uns primeiros días nos que estivemos recuperando sensacións e quitando o óxido e agora xa temos días intensos, coas horas normais que habitualmente estamos na auga e con planing moito máis marcado. Estamos en pretempada cun pouco de todo, incluído traballo de terra con vídeos e preparación. Todo coa vista posta no obxectivo do ano que vén e coa incerteza do calendario porque cabe a posibilidade que en outubro teñamos o campionato do mundo en Mallorca, pero non está confirmado.

-Como se ve iso de ser os primeiros na volta á auga no CEAR de Santander?

-Chegamos un día pola noite e á mañá seguinte xa estabamos na auga. Tiñamos ganas, por iso viñemos pronto para aclimatarnos canto antes. En Santander estamos moi ben, o equipo está xunto, hai bo ambiente, e como que é moi cómodo traballar.

-Nunca estivera tanto tempo na súa vida fóra da auga.

-Creo que non, foron máis de 60 días e foi moito tempo. Ao principio dábame un pouco igual porque como non o podes controlar, telo que aceptar; logo, cando os Xogos se aprazaron, dis: «Non pasa nada». Pero despois, cando empezas a ver que os demais países comezan a adestrar e xa están un pouco arrincando e ti no podes, si que fixo que as dúas últimas semanas fóra da auga empezaba a morder as uñas e a darlle voltas á cabeza. Agora o plan é saír seis días á semana a auga.

-Como levou o confinamento?

-Tranquilo, estiven coa miña parella e como non estou acostumado a estar tanto tempo na casa, para min non foi un gran problema. Fixen máis vida de casa, algo nada habitual.

-Empezou en Mallorca cando saltou a crise, pasou por Santander e acabou en Madrid antes de regresar ao CEAR.

-Foi así. Tan axiña como aterramos en Palma dixéronnos que non habería campionato do mundo, estivemos alí un par de días e un antes do anuncio do estado de alarma, dixéronnos que íamos a Santander e decidimos confinarnos alí, logo tivemos que deixar o CEAR e funme coa miña parella a Madrid.

-Que pasou para abandonalo?

-Non sei moi ben, creo que houbo un mal entendido entre a Federación e o CSD. No seu día a Federación, tamén por un tema sanitario, ofreceunos ir adestrar ao CEAR, o que a min me pareceu ben porque estiveramos en contacto con xente que viña de Italia, de Asia e doutros países e todo o mundo viu que a opción máis lóxica era estar xuntos, pero logo tivemos que marchar á casa e tampouco foi tanto problema.

-Qué tal en Madrid. tendo en conta que era a zona 0?

-Había moito respecto, pero todo ben. Sorprendeume ao volver a Santander o cambio de fase 1 a fase 2. Aquí vese moita máis vida na rúa que os últimos días en Madrid.

-Moito traballo físico durante o confinamento?

-Non paramos, dentro das limitacións que había. Fixemos moito traballo de mantemento, tiña un bici con rodillo, o TRX, gomas... Fixemos moita prevención de lesións, cousas ás que noutros momentos non lles das tanta importancia e o preparador físico aproveitou para que fixésemos outro tipo de traballo para acostumar ó corpo a outras cousas e a verdade é que estivo moi ben.

-Para volver a Santander tivo que facer o test?

-Si, a Federación ten un protocolo bastante estrito e tivemos que pasar varias probas médicas e bastantes cousas. Ir ó médico dúas veces, facer as probas e cando todo estaba validado xa puídemos vir.

-As normas no CEAR son moi estritas?

-Si. Temos quendas para ir ó ximnasio, hai que estar coa mascarilla en todo momento, tómannos a temperatura ó entrar, estamos todos separados... Está ben, porque se temos algún problema é doado solventalo. Se alguén ten un problema, párase a ese equipo e non a toda a Federación.

-E agora en que aspectos toca traballar?

-Imos traballar sobre todo a técnica, creemos que o piar básico onde máis metros hai ademais de logo acertar as decisións tácticas e estratéxicas e ser moi bo tecnicamente, porque así vas moi armado á auga no sentido de saír de situacións complicadas e de ser moi forte. O obxectivo é mellorar moito a técnica, ser os mellores e a partir de aí, seguir medrando.