«O coronavirus cambioume os plans e decidín seguir outro ano»

En novembroJavi Díaz díxolle ó Cangas que non seguía, pero a covid-19 e as boas sensacións levárono a cambiar


vigo

Javi Díaz (O Rosal, 1975) continuará unha tempada máis en activo en Liga Asobal defendendo a portería de Cangas. O rosaleiro convértese no segundo xogador máis veterano da competición despois de Hombrados. Segue porque se sente ben e non estaba disposto a que o coronavirus o xubilase lonxe das canchas. Ademais, para el o balonmán é unha afección pola que por riba lle pagan.

-Estaba claro que unha pandemia non o ía a retirar.

-En novembro comunicara que o deixaba, non era unha retirada, pero a este nivel non quería seguir xogando polo tema laboral e por todo, pero isto do coronavirus cambioume os plans que tiña e decidín seguir outro ano. Camiña (o presidente) e Óscar (director deportivo) dixeron que tranquilo, que falaríamos ó final, e non sei se montaron eles o coronavirus para salvarnos e para que eu seguise. A verdade é que está amolado o tema laboral por todo o que vai vir e tirei por asegurar, e máis que nada porque me atopo ben, por iso decidín seguir.

-No persoal estaba sendo un bo ano para vostede.

-Sempre antepoño o colectivo, pero atópome ben e con ilusión. Sempre digo que para min isto é unha afección e eu son un afortunado porque me pagan polo que me gusta. O día que empece a ver o balonmán como un traballo será o momento de deixalo porque xa non estaría a gusto no que estou facendo. Por agora sígueme gustando, vou a gusto todos os días e me pica.

-Vinte e unha tempadas seguidas na elite, iso son palabras maiores?

-Será que son vello (risas). Ó ser porteiro tamén alongas máis se non tes problemas de lesións. Está Hombrados con 48, Moyano no Antequera (Prata) 49. O noso posto é menos agresivo.

-Gustaríalle ser o xogador con máis idade da Asobal?

-Mellor que non, iso de ser o abuelo cebolleta, non.

-Vese xogando uns anos máis?

-Cando viñen de Valladolid viña coa intención de deixalo a este nivel. Naceume o crío e tiña pensado buscar unha saída laboral porque estou alargando o balonmán e cada vez vai ser máis difícil, pero xa levo dous anos no Cangas e agora chega o coronavirus e cambioume os plans. Mentres me atope ben gustaríame xogar, pero todo dependerá de como vaia todo. Dependerá moito de como me encontre cando chegue o mes de maio. Sigo agora porque o estaba facendo ben, pero se vexo que o fago mal, serei o primeiro en deixalo. Non quero andar arrastrándome polas pistas. De acabar, acabar ben.

-Como fixo para mantense ben durante tanto tempo?

-Coidar, coidar, tampouco moito. Din que o viño do Rosal é medicinal, e igual foi iso. Será da xenética pero sobre todo por ilusión e por me gusta. Eu falo con amigos meus que van traballar e non están a gusto e notáselles, e eu vou adestrar ou xogar e estou moi a gusto.

-Como foi o proceso para a renovación?

-Nada, tomar un café con Camiña, estar tres horas de charla e do meu tema falamos un minuto. Díxome a proposta e para adiante.

-Cando empezou esta andaina imaxinaba que ía a durar tanto?

-Non. Eu debutei en Asobal no 93 e naquela época con 30 anos xa eras un veterano e xa te retiraban e agora todo cambiou, a xente xa se coida máis, a preparación física é diferente e iso alonga máis as traxectorias.

-Durante este tempo tivo algún momento crítico de decidir deixalo?

-Cando me fun do Octavio. Marchaba porque a miña muller estaba en Burgos traballando e me ían sen nada (sen equipo) e a idea era deixalo. Foi a época da crise, dos impagos e estaba bastante desilusionado.

-E onde recuperou a ilusión?

-No Aranda. Era un equipo feito da B, con dous fichaxes, Plaza e máis eu. Era o típico equipo que baixaría porque era un plantel feito para a B e colleu a praza do Portland pero alí o pavillón estaba cheo a rebentar todos os partidos, cobrábamos ó día... foi unha gozada. Baixei ós infernos e nun ano recuperei a ilusión e alí pasei tres anos espectaculares.

-É os anos de Cangas?

-Moi ben. Viña en plan deixalo ou xogar a outro nivel e chamoume Camiña e decidín botar unha man un ano e xa van ser tres. Estou moi a gusto. É unha gozada ter o pavillón cheo e iso conseguino nos meus tres últimos equipos (Aranda, Valladolid e Cangas). Levo nove anos xogando con pavillóns cheos, que é todo un luxo.

Javi Díaz admite que o seu fillo de dous anos non lle deixou moito tempo para pensar na crise do coronavirus, eloxia a Nacho Moyano, o seu adestrador, e xa advirte que a vindeira tempada tamén tocará sufrir coma sempre.

«Nós somos o Cangas e para nós o ano vai a ser igual»

—Como levou estes tres meses de coronavirus?

—Estiven co crío e tampouco me deixou moito tempo para pensar. Estaba as 24 horas con el e como ten dous anos, non che dá respiro. O de estar recluído foi o peor, pero eu vivo en Chapela e agora xa non temos tramos horario, así que todo moito mellor.

—Como ve a opción de facer subgrupos dentro da liga?

—Isto vai cambiando cada quince días. Como non se sabe se se vai poder meter público ou unha porcentaxe, eu prefiro que se xogue a liga normal de todos contra todos, porque se o fas por grupos haberá equipos que che toquen nunha fase, na outra non. O máis xusto para todos sería unha liga regular.

—Será un ano máis tranquilo no deportivo?

—Nós somos o Cangas e para nós vaise a ser igual, pero todo indica que haberá unha pequena crise e entón todo o mundo está fichando xente nova, baixando presupostos, soldos, e se este ano eramos tres equipos para o ano seremos seis ou sete na pelexa por abaixo. Para nós, canto máis sexamos na pelexa, mellor.

—Que tal Nacho Moyano como adestrador?

—Moi ben. Creo que pagou a novatada e o ano que vén hai moitos erros que non se van a cometer, pero como adestrador paréceme un 10.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«O coronavirus cambioume os plans e decidín seguir outro ano»