As redes sociais énchense de eventos no Día das Letras coa xente ao lonxe

Begoña Rodríguez Sotelino
begoña r. sotelino VIGO / LA VOZ

VIGO

CEDIDA

Poesía, música, fotografía e vídeo lembran a figura de Carvalho Calero en Vigo

17 may 2020 . Actualizado a las 18:42 h.

Ao ano dedicado a Carvalho Calero tocoulle, metaforicamente, unha novela de Eduardo Blanco Amor. Xente ao lonxe é o que se estila en tempos de illamento social e na desescalada. Así que o que toca é celebrar o Día das Letras Galegas a través de actos virtuais.

Cos colexios pechados, as aulas non ferven nesta ocasión con actividades nas que os nenos familiarízanse coa figura da persoa homenaxeada, pero en Internet bulen ideas como a que puxo en marcha Áurea Fernández, mestra de música do CEIP Plurilingüe Igrexa Valadares. Once colexios galegos uníronse ao reto proposto pola docente de Vigo, nun proxecto no que contou coa colaboración do grupo de música infantil Uxía Lambona e A Banda Molona, que lle cederon ou seu tema Verdescente. O desafío consistía en que os nenos fixeran un videoclip, gravasen un audio cantando, acompañasen con algún instrumento ou fixeran o que se lles ocorrese en relación ao tema en cuestión, para festexar así o Día das Letras Galegas dende o seu confinamento. Os propios membros do grupo musical fixeron outro vídeo para animalos a participar. Os centros implicados foron o García Barbón, Otero Pedrayo, Monte Alba, Igrexa Valadares e Montesol, de Vigo; Igrexa Chapela e Alexandre Bóveda, de Redondela; CEIP nº 1 Tui, Plurilingüe Atios, de O Porriño; e Esteiro e Ponzos, de Ferrol.

Afundación tamén trasladou a súa proposta ao canle audiovisual e, dentro da sección Educación en Casa, presenta diferentes materiais, tanto escritos coma audiovisuais, como un conto creado pola área educativa que invita aos lectores a percorrer algúns do recunchos fundamentais na vida do escritor ferrolán, varios nenos participan en vídeos lendo estrofas escolmadas e entre eles atópase o bisneto do autor. Está tamén dispoñible unha curta na que se condensa, con recreacións en 2D, a importancia de Carvalho Calero para o patrimonio cultural galego.

O Museo de Pontevedra estreou Solpor, a súa primeira exposición producida para ser vista de xeito virtual en lugar de nas súas salas. En formato vídeo recolle 25 imaxes da paisaxe galega tomadas por cinco fotógrafos do país (Xulio Gil, Anxo Rial, Susi Suárez, Enrique Touriño e Miguel Vidal) acompañados de petiscos poéticos de autores homenaxeados nas Letras Galegas: Ramón Cabanillas, Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, María Mariño e Manuel María.

Miguel Vidal

As Letras Galegas chegan este ano ate Nova Iorque. Artistas e representantes do mundo da cultura en Estados Unidos únense na diáspora norteamericana para festexar a xornada. Vía Facebook Live, a conexión será hoxe, domingo, ás 18.00 horas en Galicia. Dende a Gran Mazá participan Isabel Pérez Dobarro (piano), María Medín Doce (poesía), Manuel Mayo (poesía) e Yago Vázquez (piano). Desde Galicia, poñen poesía Francisco Fernández Naval, Fátima Delgado, Malvares de Moscoso e Francisco Castro, presentados por Marcos de la Fuente.

PACO RODRÍGUEZ