Anxo Lorenzo: «Os galegos somos pasionais coas nosas manifestacións culturais»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

XOAN CARLOS GIL

O xestor cultural vigués chegou á Xunta no 2009 a través de Política Lingüística

19 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Eu vin en directo, durante bastantes anos, como foi a construción do recheo de Bouzas», di Anxo Manuel Lorenzo Suárez (Vigo, 1964), director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia. Viuno porque é de Alcabre, unha parroquia onde se mestura _antes dun xeito máis marcado_ o lecer nas praias co traballo no campo, e, como noutras partes da cidade olívica, dicíase ata non hai moito «imos a Vigo» cando alguén acudía ao centro da urbe.

Nese ámbito de proximidade e protección parroquial medrou Anxo Lorenzo, que dende neno viu máis clara a vía humanística ca científica na súa formación académica. Con esa bitácora pasou polo colexio Nebrija e o instituto Coia 2 antes de asaltar a universidade. «Eu quería estudar xornalismo, pero daquela non había facultade en Galicia e non se deron as circunstancias para ir fóra, así que empecei Filoloxía Inglesa, aínda que no segundo ano xa pasei a Hispánica porque gustábame máis», recorda o xestor cultural vigués, que tamén barallou Historia como outra posibilidade de peso.

O estudo das letras, levouno a Santiago, pero só un ano porque interesáballe máis a oferta académica da Autónoma de Barcelona. «A experiencia fóra foi fantástica, pero ao remate do doutoramento tiven que elixir entre quedar alá, onde tiña posibilidades tanto no eido universitario como no sector editorial, ou volver a Vigo nun momento no que estaban nacendo as novas universidades galegas», explica. A posibilidade de continuar no eido da investigación vinculado á Universidade de Vigo inclinou a balanza cara a súa terra. Alá arriba, no campus das Lagoas, estivo máis de dezasete anos; ao principio máis coa mentalidade de alumno que de profesor, pero despois explorando todos os recunchos administrativos, dende a secretaría de facultade á dirección de área, pasando pola dirección dun departamento.

A política

«Atopei un mundo absolutamente novo e descoñecido», afirma Anxo Lorenzo para situarse nos primeiros momentos na xestión autonómica. Foi no ano 2009 cando accedeu á Secretaría Xeral de Política Lingüística, un ámbito que non lle era alleo, pero só dende o punto de vista académico, o que lle obrigou a aprender moito. «A administración universitaria é moi sinxela comparada coa autonómica», sinala. O noso protagonista, que non tiña experiencia política, recoñece que decidiuno a aceptar a ofertar de «entrar en política» o reto profesional de abordar algo novo, pero tamén pola posición de Alberto Núñez Feijoo. «Coñecín ao presidente da Xunta de Galicia e pareceume que tiña unha visión bastante clara do que quería conseguir e entraba na miña liña de visión», engade.

Despois chegou a Secretaría Xeral de Cultura e, con ela, o privilexio de coñecer o que é o conxunto da cultura galega e as súas numerosas manifestacións. «Os galegos temos unha posición incluso pasional coas nosas manifestacións culturais», afirma. Nese aspecto, Anxo Lorenzo, como inclinación persoal, sinala: «A música forma parte da miña vida diaria nun sentido amplísimo, aínda que non a practico».

O confinamento

Como case a meirande parte dos galegos, Anxo Lorenzo vive o confinamento xa acostumado, pero tamén coa preocupación de buscar solucións a un sector que vai notar moito a crise económica parella á sanitaria. «A cultura ten un factor presencial moi importante, pero agora mesmo non sabemos cando poderemos reunirnos outra vez», explica. «Temos que ser capaces entre todos de planificar a volta á normalidade, intentando sempre non deixar a ninguén atrás; é importante que non se destrúa emprego e que non desaparezan as empresas culturais. Sabemos, pola crise do 2008, que é moi difícil recuperar o que se perda», sinala.

Anxo Lorenzo Suárez aprendeu no ultimo mes a convivir coas videoconferencias, aínda que opina que se obteñen sempre mellores resultados nunha reunión persoal. Na mentres non se poda recuperar ese agardado trato directo, o secretario xeral de Políticas Culturais exerce xa de cicerone cultural nas redes sociais, amosando as distintas posibilidades que a estrutura da Xunta ten a través de Internet. Neste sentido, e aínda que pensa que a presenzalidade é inherente ás manifestacións culturais, opina que unha das leccións que se poden tirar do confinamento actual é a potenciación da divulgación cultural a través do mundo dixital.