«Rematar a Liga é a medida máis sensata e seria. E, para min, a única»

Xosé Ramón Castro
x. r. castro VIGO / LA VOZ

VIGO

cedida

Touza non considera que sexa un ano perdido para o Club Vigo logo de que se dese por acabada a tempada pola crise

25 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Club Voleibol Vigo é formalmente o primeiro equipo que rematou a tempada logo do anuncio da Federación Española de Voleibol. Para Guillermo Touza Rodríguez (Ribadavia, 1949), o seu presidente dende hai medio século, era á única medida posible dado o panorama. Touza pensa que non foi un ano perdido e asume que a crise actual terá custes no futuro, pero a súa entidade seguirá coa política de canteira e sen gastar un euro en salarios. Para evitar sustos en escenarios que nunca imaxinou malia a pasar de todo no seu club ó longo de tampo tempo.

-É a decisión máis acertada?

-Daban tres opcións e esta paréceme a máis sensata e a acertada. Non sei de xeito definitivo como pode quedar isto, pero aquí hai que ser serios e tallantes. Non podemos supeditar os aspectos da saúde, que prima por riba de todo, por iso considero a decisión a máis sensata, a máis seria e, para min, a única.

-Por que había dúbidas por parte dalgún club?

-Nós non estamos nesa situación, pero hai clubs que fixeron unhas plantillas para ascender. Barcelona, Tarragona ou Boiro fixeron un esforzo grandísimo e ese esforzo agora non se pode ver recompensado porque se deciden que a temporada 19/20 non existe, resulta que eles tiveron uns gastos significativos. Que non descenda ninguén da máxima categoría será unha alegría para eles, pero un desastre para os debaixo. É unha situación difícil, pero creo que a Federación non lle vai a tremer o pulso porque esta é unha situación excepcional de todo e igual de excepcional deber ser a decisión que se tome. A que tomen, ben tomada está.

-O mellor é que a vostedes non lles afecta a efectos clasificatorios.

-Deportivamente non nos afecta, pero se nos afectase teriamos que asumir unha situación destas. Agora está todo o mundo na casa recollido, hai deportistas infectados, presidentes del clubs, hai moitas mortes e o que non podemos é estar valorando a posibilidade de que no mes de abril se pidan xogar algúns partidos.

-Ten a sensación de tempada perdida?

-Non para nós non. Foi un ano cunhas experiencias, sen falar do coranavirus. Vivimos situacións moi especiais cunha plantilla de 15 xogadores, a máis grande das últimas tempadas, pero que logo se reduciu. Tiñamos un portorriqueño que era un gran xogador e foise no mes de novembro, outro foise no Nadal, e sempre por cuestións familiares ou de estudos e iso foi reducindo o plantel. Pero o resto eran todos de aquí, deron a callo e foron xogando, pero a regularidade que podiamos ter con toda a plantilla deixamos de tela. Fixemos partidos moi bos e gañando en sitios complicados e logo perdendo contra equipos que van por debaixo de nós, pero esas experiencias serven para que xente vaia collendo certa veteranía de cara a tempada que ven poidan render moito máis do que o fixeron este ano. Cun plantel máis regular que o deste ano.

-O voleibol é a primeira competición que da o curso por rematado, sentará precedente?

-Polo que sei e polo que falo con eles, os demais equipos de elite de Vigo apuntan ao mesmo. O baloncesto feminino e en cadeira de rodas xa non teñen ós xogadores estranxeiros aquí e iso significa que dan por feito que a tempada rematou. Creo que dentro dun mes podemos estar pensando na organización de seguinte.

«En 50 anos como presidente vivimos de todo, pero isto, nin nós nin a sociedade»

A punto de cumprir 50 anos no cargo Guillermo Touza non ten dúbida de que a entidade sairá adiante unha vez máis.

-Esta será a experiencia máis inverosímil de toda a súa traxectoria, non?

-Dende logo. Vanse cumprir 50 anos de presidente e pasamos por todo, pero isto non o vivimos nin nós nin a propia sociedade. Pasamos momentos difíciles e complicados, pero agora é todo o mundo. Temos que tratar de saír adiante como poidamos e agradecendo as institucións as súas colaboracións. Grazas a iso podemos pensar que o ano seguinte poderemos saír.

-E de cara ó futuro, isto vai a ter danos colaterais (refiro ao económico)?

-A verdade é que si. Botas o ano tentando abrir portas por se non é esta tempada sexa a vindeira para poder convencer ó mundo empresarial vigués para que apoien o deporte e agora mesmo é imposible pensar que esta xente poda botar unha man porque as prioridades serán manter a propia empresa. Ninguén ten culpa disto, pero sófreo todo o mundo.

-A idea será facer outro proxecto de canteira.

-Nós vímolo facendo dende hai tempo e a idea e tratar de manter o que temos e, se o podemos mellorar porque aparece un xogador que ven estudar a Vigo ou o podemos convencer para que estude aquí, mellor, pero os nosos custes con respecto aos xogadores teñen que ser cero. Se o é para os adestradores tamén o é para os xogadores, é a única forma de manter o equilibrio económico entre gastos e ingresos. Nós non imos investir en traer xogadores de fóra.