A escritora viguesa Ledicia Costas recibe o Premio Laxeiro 2020

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO

Juan Caballero

A entrega do galardón tivo lugar na tradicional comida anual de homenaxe a Laxeiro

22 feb 2020 . Actualizado a las 21:34 h.

A escritora viguesa Ledicia Costas recibiu esta tarde o Premio Laxeiro 2020 no marco da tradicional comida anual de homenaxe a Laxeiro que se celebra en Vigo dende o seu pasamento en 1996.  «É unha honra que unha institución tan prestixiosa coma a Fundación Laxeiro, valore a miña contribución ás letras galegas», foron as palabras da autora ao saber que ía ser a persoa elexida este ano, quen sinalou ademais que para ela este galardón «é un feliz recoñecemento ao traballo de moitos anos».

O premio foi fallado o pasado 12 de decembro, na reunión anual na que O Padroado da Fundación Laxeiro acordou, por aclamación, outorgar o galardón á escritora viguesa, como recoñecemento «á súa inestimable achega á renovación xeracional das letras, así como á difusión e internacionalización da cultura galega entre as novas xeracións», segundo consta na acta da devandita reunión.

 O galardón foi entregado polo presidente da Fundación Laxeiro, Abel Caballero, na tradicional comida anual que se celebrou hoxe no Hotel NH de Vigo, unha xuntanza fraternal que as persoas achegadas a Laxeiro decidiron seguir celebrando, despois do pasamento do pintor, en 1996 e que, ao longo de todos estes anos, é xa unha cita obrigada na vida social e cultural da cidade. 

O Premio Laxeiro naceu en 2004, por iniciativa do Padroado da Fundación do pintor, co obxecto de recoñecer o labor dunha persoa ou colectivo a prol da potenciación e a difusión da cultura galega en calquera das súa manifestacións e, nese sentido Ledicia costas manifestou que: «Das cousas que máis orgullosa me sinto é de procurar chegar a outros sistemas literarios desde a miña lingua». 

Foron Premio Laxeiro nas pasadas edicións: Francisco Fernández del Riego (2004), Obra Social Caixanova (2005), Xaime Isla Couto (2006), Isaac Díaz Pardo (2007), Carlos Oroza (2008), Antón Lamazares (2009), Xosé Neira Vilas (2010), Carme Kruckenberg (2011), Luis Mª. Caruncho (2012), Jorge Castillo (2013), Luz Pozo (2014), Silverio Rivas (2015), Amancio Prada (2016), Jaime Garrido (2017), Xosé Luís Méndez Ferrín (2018), Coral Casablanca (2019).