As declaracións de amor teñen premio

VIGO

MVR

Política Lingüística convoca o certame Lingua de namorar

14 feb 2020 . Actualizado a las 13:16 h.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou no Museo do Mar de Galicia unha nova edición de Lingua de namorar, o certame de declaracións de amor na rede que promove cada San Valentín a Xunta de Galicia como unha iniciativa para dinamizar o uso do galego entre a mocidade nas súas relacións persoais e en internet. Ao acto asistiron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel.

«A lingua galega ten que darse cita coa mocidade nas datas máis sinaladas, como é sen dúbida este Día dos Namorados, unha xornada propicia para expresar e comunicar os afectos aos que sempre queremos ligar o noso idioma propio», sinalou Valentín García.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, lembrou que este é un concurso que gusta moito entre a xuventude e que, ademais este ano, busca xerar sinerxías. Neste sentido, destacou que os primeiros premios do certame Xuventude Crea 2019 nas categorías de Poesía e Relato Breve incorporaranse ao xurado, «o que axudará a seguir visibilizando a creatividade e o talento dos mozos e mozas galegos», remarcou.

O certame Lingua de Namorar está dirixido a mozos e mozas de 14 a 35 anos, que se dividirán en dúas categorías de idade: de 14 a 19 anos e de 20 a 35. As mensaxes presentadas a concurso deberán estar escritas en lingua galega e poderanse redactar en prosa ou en verso. A súa extensión máxima será de 350 caracteres, incluídos os espazos en branco. Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso.

Para facer chegar as mensaxes, cómpre rexistrarse previamente no web xuventude.xunta.es/linguadenamorar . Todas as mensaxes serán publicadas nesta páxina e estarán identificadas polo título e mais polo número que se lles asigne. A data límite para enviar as mensaxes de amor é o 9 de marzo. Unha vez rematado este prazo, abrirase outro para realizar as votacións, que abranguerá do 10 ao 13 de marzo.

Resolución do xurado e premios

O xurado do concurso elixirá as mensaxes gañadoras entre as 50 declaracións máis votadas en cada categoría. A súa resolución publicarase o 23 de marzo na páxina web do concurso. Establécense tres premios por cada unha das categorías de idade. A entrega de premios terá lugar en abril.