Ledicia Costas recibirá o Premio Laxeiro o vindeiro 22 de febreiro

VIGO

M.MORALEJO

O galardón será entregado o mesmo día que se celebra o aniversario do pintor dezano

14 feb 2020 . Actualizado a las 14:35 h.

O Padroado da Fundación Laxeiro entregará o vindeiro 22 de febreiro o premio Laxeiro á escritora viguesa Ledicia Costas. A entrega do galardón terá lugar nun hotel de Vigo durante a comida na que se festexa o aniversario do pintor dezano.

O premio foi fallado o pasado 12 de decembro na reunión anual na que O Padroado da Fundación Laxeiro acordou outorgar o galardón á escritora viguesa como recoñecemento á súa inestimable achega á renovación xeracional das letras, así como á difusión e internacionalización da cultura galega entre as novas xeracións, segundo consta na acta da devandita reunión.

Como é tradicional, o galardón será entregado polo presidente da Fundación Laxeiro, Abel Caballero, na tradicional comida anual que se celebra todos os anos coincidindo co aniversario do nacemento de Laxeiro que, en 2020 cumpriría 112 anos.

A comida, organizada por amigos e admiradores do artista, á que sempre se suma o Padroado da Fundación Laxeiro, vense celebrando de forma anual dende o falecemento do artista, en 1996, como homenaxe e agarimoso recordo de quen foi un dos máis salientables renovadores da plástica galega no século XX. Durante todos estes anos, a este entrañable encontro fóronse sumando destacados persoeiros do mundo da cultura, a política e a empresa, converténdose nunha cita obrigada na que compartir recordos e amizade.

A convocatoria é aberta e quen queira unirse a esta celebración, só ten que contactar coa Fundación Laxeiro de luns a venres, ben vía telefónica, chamando ao teléfono 986 438 475 de 10.00 a 15.00 horas, ou enviando un correo a info@laxeiro.org. O prezo do cuberto é de 35 euros. A organización recomenda non deixar para última hora a reserva, debido a que o aforo é limitado.