«Entrei na URSS con pasaporte falso co nome de Alonso Quijano»

O canteiro Petouto foi o seu mentor político, o que lle descubriu os ideais humanos


vigo / la voz

A única vez que Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) sentiuse cómodo na dereita foi cando construía como interior o xogo do seu equipo de fútbol na facultade en Madrid. Sempre estivo a esquerda, comunista para máis acenos, aínda que os seus país fosen os que máis mollos (equivalente a 132 litros cada un) de viño recollían no Ribeiro nos anos trinta. A produción vinícola emcumbraba á familia ao máis alto do entramado social da comarca. «Eramos ricos», di en comparación coas outras casas do entorno. O capital reunido levou ao pai a seguir o sono vigués e abrir o bar El Recreo, en Urzaiz, fronte á congregación das Siervas de Jesús. Pero a guerra levou á familia Alonso Montero a voltar á aldea. Era 1938 e o campo daba máis garantías de supervivencia que a cidade.

«Eu non sabía falar galego, aínda que o meu pai falaba un castelán patético», di o profesor, lembrando unha das súas primeiras impresións ao chegar ao campo. É prodixiosa a súa memoria aos 91 anos, nos que as escasas lagoas tapaas con imaxinación literaria. «O meu compañeiro de pupitre na aldea non toleraba que eu, que andaba cos pantalóns remendados, zocas e comía con bolo de millo pesado, falase castelán». Impactoulle a consideración, tanto como o cántico dunha manifestación que uns anos antes entroulle polos ollos e os oídos en maio do 36 tralo triunfo da Frente Popular. «‘Uníos hermanos proletarios’, cantaban os que alí marchaban por Vigo, co meu irmán á cabeza». A Internacional foi a primeira canción que aprendeu el. Eran os anos do golpe de Estado de Franco. Nunca esquecerá o nome do primeiro martir da guerra en Vigo. «Chamábase Lenín. Aquí o til poñíase no i. Lenín Moreda. Tería catorce ou quince anos. Foi o día no que o capitán Carreró leu o bando na Porta do Sol. Había xente protestando e adiante había rapaces. Os militares golpistas abriron fogo e o mataron».

Xesús Alonso Montero considérase político («político sen cargo») aínda que en 1977 presentouse as eleccións ao Congreso por Lugo, onde traballaba entón como profesor de instituto. A política entroulle definitivamente tralos episodios vigueses por quen considera o seu mentor, o canteiro Petouto, «que traballaba na nosa casa e que era do PCE aínque que el non o sabía. ‘Teríamos que utilizar a intelixencia para que non haxa pobres no mundo’, díxome. Esa foi a miña primeira lección».

E das parroquias referenciais de Ventosela e A Groba, no seu mapa mundi de Ribadavia, a Madrid. «Custaba 111 pesetas a viaxe en tren» naquel 1948 no que encaraba a súa ilusión de Filoloxía Románica. «Gustábame o feito lingüistico e literario». En 1953, coa carreira rematada, comezou a dar clases particulares en colexios da capital e no 56 chegraron as oposicións á cátedra de Maxisterio. Alonso Montero convertíase para sempre en profesor. Palencia, onde nacería o seu fillo Cuchús Pimentel, o guitarrista, sería o seguinte destino. Despois Lugo nos sesenta. E alí chegaría o desterro a mil quilómetros de Galicia. Elixiu Montilla (Córdoba), onde o PCE chegou despois ao 60 % dos votos. En 1962 entra no partido e pronto, como intelectual do interior, é elexido como membro da delegación de españois que asistirían en Moscú a un congreso comunista presidido por Khrushchev. «Fun a París e alí o partido facilitoume todos os documentos. Entrei na URSS con pasaporte falso co nome de Alonso Quijano», ri mentres lembra a fazaña. «Non me gustou moito o que vin alí», confesa tras asegurar que decatouse pronto da falta de liberdades. A tortura, unha das súas inquedanzas de lectura, infundíalle moito medo. Por iso valora a resistencia de militantes que aguantaron os golpes, como os que lle permitiron ter tempo para escapar ao Eduardo Punset comunista que era daquela época, apunta.

«Agora non teño a quen votar», lamenta, malia que segue a pagar a cota de militancia do PCE, «pero non son de Podemos», advirte, pese á unidade de acción nesa parte da esquerda. A comunión entre o nacionalismo galego e a esquerda federalista non a ve doada, polo menos mentres non se superen as historias persoais de moitos dos seus referentes.

Sesenta e catro volumes editados con obras literarias e ensaios forman un legado que segue a alimentar e no que non falta metralla política, aínda que escriba de costumes, historias ou lendas. Xesús Alonso Montero, o profesor, segue a sentirse como un neno de aldea que un día se convertiu no Quijote campando pola URSS.

 

NA MEMORIA

-Cal foi o seu primeiro traballo?

-«No ano 49. Din clases para rapaces desde 6 a 22 anos. Ensináballes de todo».

-De que viaxe garda mellor recordo?

-«O do ano 1962 a Moscú foi especial. A Pasionaria e Carrillo nos advertiron de que nos tapáramos a cara con xornais e revistas cando os fotógrafos tiraban fotos no congreso. O franquismo estaba atento a todo».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«Entrei na URSS con pasaporte falso co nome de Alonso Quijano»