Fran Alonso: «Dende hai ano e medio non escribo nada»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

Miguel Villar

A súa faceta como xestor cultural quitoulle o tempo necesario para afondar na creación literaria

28 oct 2019 . Actualizado a las 09:55 h.

«Dende que hai ano e medio asumín a dirección de Xerais non escribín nada. O boto moito de menos porque sinto que o meu proxecto literario está inacabado; aínda teño moito que contar, o que non teño é tempo». Quen vive nesa contradición é Fran Alonso (Vigo, 1963), un escritor con máis de trinta libros publicados que dirixe actualmente Editorial Xerais. «Teño un libro só pendente de revisión e varios moi avanzados, pero non fun capaz de recuperalos porque o proceso creativo esixe moito, e eu asumo que este é o meu presente», engade.

O comezo desa historia inacabada sitúase no ano 1991, cando publicou Tráiler. Dende entón non parou de saltar de xénero en xénero. «Unha das características da miña forma de asumir a literatura é que me gusta moito variar porque un dos meus principios é non repetirme. A literatura ten que ser un reto no que é preciso aportar algo novo, algo que como creador me permita satisfacerme, e o cambio de xénero permíteme distanciarme con maior facilidade do que xa fixen», di o escritor mudado a xestor.

A súa chegada á escrita non ten un sentido racional, aínda que é quen de afirmar que é un escritor vocacional. «De neno, e non sei por que, sentía a chamada da escrita, e na adolescencia xa tiña moi claro que quería ser escritor», apunta, aclarando que ese camiño abriuse sen que tivese a súa familia ningunha relación coa literatura.

Tras algúns traballos temporais, Fran Alonso decidiu adquirir unha formación universitaria e, aínda que tiña querenza polo xornalismo, optou pola Filoloxía Galego-Portuguesa. «Daquela había que ir estudar a Madrid e non tiña moitas gañas de volver, pero o xornalismo tiña un atractivo especial, quizais porque pensaba que era unha maneira de vivir máis intensamente e tamén de exercer a escrita de forma profesional», recorda, e afonda nesas dúas referencias: «É difícil establece fronteiras porque si hai xornalismo que non é literatura, pero tamén é certo que hai xornalismo que si o é. Hoxe hai un hibridismo moi grande, que é un signo dos nosos tempos», apunta Fran Alonso.

E neses tempos dos que fala o escritor e xestor é onde lle gusta vivir -di que é fillo do seu tempo- e por iso, non ten nostalxia dos bos momentos da industria do libro, aqueles de cando empezou a publicar. «Dende o ano 1991, cando eu empecei a publicar, cambiou moito a sociedade, e con ela as formas de relación. O máis visible dese cambio é a tecnoloxía, pero no que máis inflúe realmente é no cambio das relacións sociais porque están as redes sociais», sinala o escritor. Fran Alonso foi un dos primeiros en ter un blog en galego, Cabrafanada, e foi dos que tiveron esperanzas nas redes sociais como canle de liberdade de expresión. Xa non pensa igual: «Percibo unha certa decepción coas redes sociais, aquel espírito incluso libertario co que naceron volveuse aos vicios de outros ámbitos, e algunhas convertéronse en redes endogámicas que serven para o control dos datos dos usuarios, con contidos pouco fiables e que aumentan a circulación de ideas retrogradas». Pensa que habería que volver ao blogs «como catalizadores das ideas más reflexionadas e máis elaboradas».

Agora, xa ao fronte de Xerais, Fran Alonso explora outras beiras da literatura, e di que está aprendendo moito. «Fago moita xestión, unha parte menos atractiva, pero que tamén hai que facer e que che pon os pes na terra», di para referirse a esa «faceta apaixonante de ver as propostas que chegan, analizadas, ver o que se pode publicar, que posibilidades teñen os libros e dialogar cos autores». Claro que a situación non é a máis doada para facelo. «O 56,30 % da poboación galega é lectora, pero só un 3,5 % é lectora en galego. É moi significativo porque estamos ante unha incapacidade de poñernos ao mesmo nivel co castelán», sinala. E aínda así, en Xerais levan publicados nos seus corenta anos de existencia cinco mil títulos, é dicir, un título cada tres días. «É unha brutalidade», exclama.

Fran Alonso non reclama axudas económicas para a industria do libro -«que si se axuda a outros sectores- pero si máis sensibilidade. «Por exemplo, poderían habilitar axudas para as librerías que teñen unha porcentaxe relevante de libro en galego ou axudas de visibilización nos clubs de lectura e nos medios de comunicación», apunta como vías de apoio. En contraposición a eses baixos índice de lectura e apoio administrativo, Fran Alonso pinta colorista a escena literaria en Galicia. «Probablemente teñamos a mellor materia prima que tivemos nunca porque a literatura galega foise facendo cada vez máis sutil e porque conviven moitas xeracións e hai moitos máis escritores. O nivel da literatura galega é enorme, e se exporta», conclúe o escritor.

Foi no sector da hostelaría, para pasar despois por unha axencia de viaxes antes de iniciarse no xornalismo no Diario 16.

«Foi impactante», asegura Fran Alonso para referirse a unha viaxe que fixo polo Sahara. Foi hai uns anos, cando tiña 22. Di que atravesaron o deserto nun percorrido memorable.