«O Dinoseto morre en todas as edicións do Freaky Festival»

VIGO

cedida

A sala Videodrome acolle dende hoxe a terceira edición do certame de cine «gamberro» e underground

25 oct 2019 . Actualizado a las 12:07 h.

Dende hoxe ata o sábado está en marcha o terceiro Galician Freaky Film Festival, que se desenvolverá na sala Videodrome (Velázquez Moreno, 44). Juan de Castro exerce de voceiro do evento e pensa que sintoniza perfectamente coa cidade. «Co chulo e festeiro que é Vigo. Comprobamos que o primeiro ano achegáronse 400 persoas, e no último, mil».

-Como xurdiu a idea de facer este festival?

-Foi cando nos demos conta de que había películas que nos enviaban ao Festival Primavera do Cine que non encaixaban ben aí. Pero eran películas frikis e raras que pagaba a pena darlles difusión; ademais, máis dun na organización temos especial querenza por este xénero, e por iso decidimos facelo.

-Como está o festival tras as dúas primeiras edicións?

-Tras aquel impulso inicial, metémoslle traballo e fomos facéndoo máis elaborado. Se nun principio tiña moita influencia galega agora ten unha tendencia máis internacional, pero sen perder esencia galega. Agora, as películas galegas están mesturadas coas internacionais, que este ano veñen de festivais moi importantes do xénero. Son películas que comulgan co noso estilo, que é o freak, o underground, e que deixen ao espectador alucinado.

-Como é a oferta deste ano?

-Temos sete bloques temático que recorren o humor, o terror, un que chamamos Co cu torcido quente ou outro que é de animación, un formato que nos gusta moito. A oferta abrangue todo o que sae do normal. Un dos nosos lemas é «O mellor do peor», porque nós escollemos cousas que para a maioría ou son de mal gusto ou inintelixibles.

-Hai festivais similares en Galicia?

-Si, temos o Freakmacine na Coruña e o Facine de Lemos. Pero creo que non teñen a compoñente do gamberrismo que nós quixemos darlle, que é o que foron orixinalmente este tipo de certames. O noso festival ten sesións moi gamberras, nas que podes estar berrándolle á pantalla ou tomando unha cervexa. A pesar diso, tomámolo moi en serio.

-O festival faise na sala Videodrome. Trataron de conseguir unha sala maior?

-Se tal, para o vindeiro ano. Agora queriamos consolidar ese espazo e facelo exclusivo, de feito fixémoslle unha decoración espectacular e parece un parque de atraccións. Este ano cobraremos por entrar na sala, porque ofrece moitas cousas. Fanse 40 anos da estrea de Alien e faremos algo especial con ese tema.

-Como se finanza o GFFF?

-Temos unha pequena axuda da Deputación e do Concello. Despois está a motivación do equipo, meténdolle horas de traballo. É ultramodesto economicamente.

-E morre ao final Dinoseto?

-O Dinoseto morre en todas as edicións, sempre buscamos un xeito orixinal de matalo. É unha declaración de principios. Este ano vai recibir un bo sabrazo de Alien. Dinoseto, que é unha aberración, ten un toque friki por ese rol medio Godzilla e medio T. Rex.

O certame empeza coa proxección de «Nosferatu» e música de Caspervek

Sala Videodrome (Antigo Familia do Mercado do Progreso) • Rúa Velázquez Moreno 44 • Desde 2 euros • O festival empeza hoxe coa proxección (21.30 horas) de seis curtas da sección Co cu torcido (56 minutos) e ás 23.00 horas outros oito de Animación Freak (60 minutos). Antes diso terá lugar a inauguración oficial do certame coa proxección, ás 19.30 horas, da película Nosferatu, a obra mestra de Murnau musicalizada en directo por Caspervek Ensamble (Brais González, piano e sintetizadores; Raquel Fernández, violín; Erea Carbajales, violín e guitarra eléctrica; Blas Castañer, percusión e sintetizadores; e Óscar Mourelos, percusión). Tamén se abre unha exposición de Alberto Hortas, que fixo os efectos especiais de películas tan recoñecidas como El laberinto del fauno. Exporá pezas desas películas e tamén cadros. E abrirase tamén outra mostra de José Antonio Méndez, pintor pontevedrés de traxectoria internacional vencellado ao terror. No ámbito musical haberá un concerto de Los Pontiaks na sesión de clausura no urban market de O Progreso, o sábado ás 22.30 horas.