« A miña posición estética arranca de Rompente»

Reixa, Romón e Avendaño volverán actuar xuntos no Festival Kerouac


Vigo

A Fundación Barrié (Policarpo Sanz 31) vai ser o escenario da reunión, hoxe ás 19.30 horas, do grupo Rompente, no marco do Festival Kerouac de Poesía. Antón Reixa, Alberto Avendaño e Manuel Romón volverán estar nun escenario 36 anos despois da última vez.

-Que ocasionou esta xuntanza?

-Foi propiciada polo retorno a Galicia de Alberto Avendaño. A proposta do Kerouac foi moi benvida polos tres, e aquí estamos, tratando de que saia ben e podamos seguir facendo cousas xuntos.

-Que significou Rompente no seu momento?

-Foi entre 1976 e 1983. Houbo varias formacións do grupo, aínda que sempre estivemos Manolo Romón, Avendaño e eu. Pola parte de insolencia e certa provocación que tivemos, comparo ao grupo co debate que houbo na política entre reforma e rutura; nós estabamos nunha posición de rutura. Méndez Ferrín fíxonos un guiño cando editou Con pólvora e magnolias baixo o selo Rompente.

-Como o ve agora?

-Vexo que foi máis polémico do que lembraba porque efectivamente estabamos nunha posición ruturista. Co paso do tempo tamén me dou conta de que os poetas de entón non nos sentiamos demasiados unidos, pero co paso dos anos, eu me sento moi reconfortado coa poesía galega actual; volvo ler moito e vexo que grande parte da poesía actual está en mans de mulleres, algo que é moi significativo.

-O seu papel nos Resentidos foi unha evolución desa faceta poética en Rompente?

-Eu estou seguro de que toda a miña posición estética arranca de aí; non fixen outra cousa a longo destes anos que desenvolver esa visión estética que construímos en común en Rompente. É certo que o resto da miña actividade, tanto literaria como musical ou videoartística, ten que ver con iso.

-Cal foi a achega do grupo á poesía galega?

-Nós coidabamos moito as publicacións, pero faciamos algo máis que o texto; desenvolviamos actuacións, que hoxe se chaman sen ningún tipo de dúbida performances, aínda que nós daquela nin coñeciamos a palabra. Hoxe é un fenómeno internacional; a poesía está recuperando esa parte que desborda o texto, o que é a poesía en acción, e a palabra e a acción postas en escena; iso está revitalizando moitísimo a poesía.

-Que farán no Kerouac?

-Exactamente o que faciamos. Desenvolveremos un concepto polifónico, lendo textos a tres voces. Vaise diversificando a autoría; aínda que son textos individuais, pasarémolos pola formigoneira que é o taller do grupo e os textos individuais volveranse polifónicos. Vai ser un continuo polifónico de poesía.

-Como ve o Festival Kerouac?

-Me reconforta, como todo o que ten que ver hoxe en día coa actualidade da poesía en Galicia. Creo que ten moito sentido, aínda que non sei se institucionalmente está suficientemente apoiado. É algo que estaba na esencia do movemento cultural de finais dos 70 e principios dos 80. Está moi ben porque esta é unha cidade onde hai unha morea de poetas por metro cadrado.

-Ten recorrido en vostede a poesía?

-Si, a miña vida cambiou bastante tras o accidente que tiven no 2016, e estou case pasionalmente agarrado a miña faceta artística, tanto nas publicacións literarias, recitais ou cos concertos de Os Resentidos. É curioso que despois dunha experiencia tan intensa, que che pon entre a vida e a morte, volvas dunha forma tan pasional á creación; é no que estou envocardo.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

« A miña posición estética arranca de Rompente»