«O son de Galicia» percorre a cultura musical do país

O Consello da Cultura Galega mostra a identidade galaica a través de algunhas das súas expresión artísticas


Toxos e Froles, Cántigas da Terra, De Ruada e Cantigas e Agarimos son os catro coros históricos que permanecen activos hoxe en día. Dos seus arquivos constrúese o relato narrativo da exposición Son de Galicia, que recolle o espírito dunha época que sentou a través da música e do baile a nosa identidade. A mostra, organizada polo Consello da Cultura Galega coa colaboración de Afundación e mais as catro sociedades corais históricas, se pode ver na sede de Afundación ata o 28 de setembro.

Son de Galicia é unha mostra comisariada por Miguel Anxo Seixas, quen reconstrúe a historia do país a través de trinta paneis que prestan atención á música, ao teatro e á organización social dun tempo. Un relato que tamén permite coñecer a historia de catro formacións históricas e as características comúns a todas elas: o labor etnográfico de recuperación de músicas e cantigas populares, a súa preocupación por conservar a lingua, ou mesmo os traballos de recuperación dunha vestimenta típica de Galicia para as súas actuacións.

En colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe, hai espazo neste proxecto para material audiovisual que permite ver imaxes históricas deste tipo de sociedades. Por outra parte, os coros tamén participaron activamente na escolla de pezas sonoras representativas do que foi a súa historia e que o público poderá escoitar na mostra. Complétase o discurso expositivo con instrumentos, documentos escritos, discos e exemplos da vestimenta e decorados.

A orixe dos coros galegos nace con Perfecto Feijoo, que creou en Pontevedra en 1883 o grupo pioneiro Aires da Terra, cun gaiteiro, un tamborileiro, un bombo, un grupo de oito cantantes e con varias parellas de baile. Empregou decorados e elementos da dramaturxia e da vestimenta máis popular galega. A música e as súas letras permitiron a divulgación da literatura oral en galego, a lingua natural e maioritaria do pobo e que nesa época non era considerada como lingua de prestixio. Foi a orixe e o modelo no que se basearon todos os coros que chegaron despois e nos que constaba unha intención explícita de contribuír a unha identidade galega nun contexto en que xorde o nacionalismo galego acubillado polas Irmandades da Fala.

Isto é o que se recolle nos primeiros paneis dunha exposición que tamén percorre as semellanzas destas entidades e a súa propia especificidade.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«O son de Galicia» percorre a cultura musical do país